Saltar ao contido principal

A Consellería de Industria actúa unha vez máis a prol dos intereses das grandes eléctricas no proxecto eólico Pena Forcada-Catasol II

O monte Chans é a área máis afectada polo proxecto eólico Pena Forcada-Catasol II
 
Unha subcontrata de  Naturgy empeza a deforestar o monte Chans con maquinaria pesada cando o parque eólico aínda carece de permiso ambiental para a súa liña eléctrica de evacuación e as alegacións a esta aínda non foron contestadas.

Inicio das labores con maquinaria pesada no monte Chans

En días pasados unha empresa secundaria contratada por Gas Natural Fenosa /  Naturgy comezou cos traballos de desmonte ante a aparente inacción do Concello de Laxe, dende o que tampouco se fixo público (ou polo menos a poboación non o coñece) se esta operación ten en regra todos os permisos e se a autoridade municipal chegou a presentar recurso contra a autorización administrativa do proxecto eólico Pena Forcada- Catasol II.

Apertura de pistas na ladeira do monte Chans

Isto sucede, ademais, nun contexto coma o de Laxe, declarado oficialmente como "Municipio Turístico" pola Xunta de Galicia en 2007 e nas inmediacións tanto do Pazo de Leis, cuxos orixes remóntanse ao século  XIII e a Casa de Arrueiro, unha vivenda tradicional con máis de 200 anos de antigüidade que tamén está  incluída no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia e está considerada coma un dos principais enclaves de turismo rural da Costa da Morte. En ambos casos están a uns centenares de metros de onde se está a desenvolver a intervención ao atoparse estas edificacións históricas na base do Monte Chans.

Detalle da tala previa á apertura de pistas

O PROXECTO NO SEU CONXUNTO DEBERÍA SOMETERSE A UN NOVO PROCESO DE AVALIACIÓN AMBIENTAL

Como xa fixo constar a asociación nas alegacións á liña eléctrica de evacuación, Salvemos Cabana considera que tras experimentar o plan da empresa cambios substanciais e, como é o caso, ao sinalar a propia autoridade administrativa que "logo da avaliación de impacto ambiental simplificada proponse formular o informe de impacto ambiental que conclúe que, á vista da información que consta no expediente, non é posible concluír que o proxecto non vai producir efectos significativos sobre o medio ambiente e, por tanto, considérase necesario sometelo a unha avaliación de impacto ambiental ordinaria", a realidade é que debe someterse todo o proxecto, e non só unha parte, a un novo proceso de avaliación ambiental, dado que a posta en funcionamento do parque eólico Pena  Forcada- Catasol II leva necesariamente a utilización dun tendido eléctrico.

Por este motivo, pode considerarse que estamos nunha situación na que non se contempla a exposición conxunta do proxecto completo co seu estudo de impacto ambiental íntegro, e, polo tanto, trataríase dun acto nulo segundo a Lei 37/2015, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Debe terse en conta, ademais, a xurisprudencia existente ao respecto, como a Sentenza 01448/2009 do Tribunal Superior de Justicia de Castilla y León contra a construción dun parque eólico, considerando en relación coa Avaliación de Impacto Ambiental que "téñense que ter en conta os efectos  sinérxicos e  acumulativos das demáis instalacións, da liña de evacuación xeral e da subestación colectora, é dicir, téñense que ter en conta todos os elementos que o parque eólico precise para que funcione, así como a súa incidencia en relación cos demais existentes”.

Europa sinala neste sentido que a fin de protexer os obxectivos da Directiva sobre a Evalucación de Impacto Ambiental, o impacto ambiental de proxectos relacionados de maneira obxectiva e cronolóxica debe de ser avaliado como unha unidade. Por iso, cando se realizan avaliacións independentes do impacto ambiental, deben terse en conta os efectos acumulativos dos proxectos sen realizar unha avaliación  fragmentada, coma no caso dos proxectos Pena  Forcada-Catasol II e  Mouriños, que están directamente relacionados entre si.

ONDE QUEDA O INTERESE XERAL DA POBOACIÓN?

Esta situación reafirma unha vez máis que a Consellería de Economía e Industria co seu titular Francisco Conde á cabeza, actúa ao servizo dos intereses das grandes empresas do sector eléctrico pero non así do interese xeral da poboación, aínda máis desde a imposición da Lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, unha norma deseñada por e para o beneficio das grandes corporacións.

(11.7.2018)