Saltar ao contido principal

O Concello de Cabana organiza a súa "Ruta das Estrelas" na zona máis ameazada polo proxecto eólico Mouriños

Se o plan eólico de  Naturgy chega a saír adiante, as únicas Perseidas que poderán observarse en próximas edicións dende o Alto da Fernandiña como punto culminante dos montes de Borneiro serán un conxunto de xigantescos aeroxeradores que triplican a altura da Torre de Hércules da Coruña.

Alto da Fernandiña

Parece unha broma pesada que estes días se intente de maneira contínua identificar a Cabana dende os medios afíns ao alcalde do PP José Muíño coa protección do patrimonio cultural cando este proxecto eólico, para o que o rexedor deu todos os permisos, pode afectar sen remedio a dous bens arqueolóxicos catalogados como son o Castelo de Borneiro e a Mámoa do Pico de Sinde.

Debido á importancia dos xacementos, GA15014003 (pertencente á Idade de Ferro con posterior ocupación medieval) e GA15014046 (Neolítico), aínda tendo en conta o correspondente balizado, o pretendido control dos movementos de terras e mesmo a hipotética inspección dos perfís das gabias abertas para as liñas de interconexión subterráneas, hai un inevitable impacto derivado do establecemento das vías de acceso unha vez finalizadas, que é o incremento de accesibilidade para o común do público e o consecuente tránsito de vehículos a motor, algo que no caso da Mámoa do Pico de Sinde é especialmente preocupante.

A comparativa de alturas entre os aeroxeradores que plantea Naturgy e a Torre de Hércules da Coruña fai ver cal é o verdadeiro impacto do proxecto eólico 

A isto hai que sumar o impacto da liña de evacuación eléctrica do outro parque eólico que Naturgy que chega desde Laxe, o Pena Forcada-Catasol II, pois a promotora recoñeceu na documentación ambiental presentada a consulta pública que o tendido será "altamente visible" en máis de 75% do trazado desde o Alto da Fernandiña, e afectará a tres comarcas de alto valor paisaxístico (Costa da Morte, Terra de Soneira e Bergantiños) comprendidas dentro da Gran Área Paisaxística de "Chairas e Fosas Occidentais".

Tendo en conta ademais o formigonado do acceso inferior ao Castro de  Borneiro permitido sen maiores problemas polo consistorio e a utilización interesada que unha e outra vez se repite no Dolmen de Dombate, orixe do percorrido, máis que unha "Ruta das Estrelas" en defensa do Patrimonio natural e cultural, a proposta municipal máis ben converteuse nunha "ruta estrelada".

(10.8.2018)