Saltar ao contido principal

O proxecto eólico Mouriños é incompatible co desenvolvimento turístico sostible na Costa da Morte

O parque eólico, que ademáis non deixará nin un só euro ás arcas públicas en concepto de canon de compensación ambiental, creará un impacto visual significativo sobre o esteiro do río Anllóns e o miradoiro do Monte Branco, considerado como un dos principais observatorios da paisaxe do noroeste peninsular.

Dende o miradoiro do Monte Branco en Ponteceso, a Serra do Gontón ocupa a zona central do Esteiro do Anllóns

Esta zona da Costa da Morte, que vai de Ponteceso a Laxe pasando por Cabana de Bergantiños, que é o lugar onde pretende desenvolverse o proxecto, destaca polo seu elevado valor paisaxístico e por unha economía baseada cada vez en maior medida no desenvolvemento do turismo rural e de natureza.

De feito, e tal e como xa advertiran tanto Salvemos Cabana como outras asociacións durante o período de exposición pública, a área afectada atópase moi próxima á Zona Especial de Conservación (ZEC) Costa da Morte, á Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) Costa da Morte Norte e tan só a850 metros da Important Bird Area (IBA) Costa da Morte, atesorando ademáis unha importante biodiversidade, pois hai que recordar que nesta costeira chegáronse a rexistrar a presenza de máis de 300 tipos de aves, que constitúen un reclamo máis para o turismo nacional e internacional que cada ano recibe a bisbarra.

O DESENVOLVEMENTO EÓLICO É INCOMPATIBLE CO TURISMO DE CALIDADE EN ZONAS DE ALTO VALOR PAISAXÍSTICO

A realidade é que o desenvolvemento eólico que fomentou o actual Goberno do PP na Xunta de Galicia é incompatible co desenvolvemento sostible e ordeado da actividade turística, dado que o proxecto Mouriños pretende recalificar un dos lugares máis emblemáticos da paisaxe galega como chan industrial, impedindo ademáis que a Serra do Gontón poida formar parte dunha futura ampliación da Rede Natura 2000.

O artigo 15 da Lei 8/2009, de aproveitamento eólico de Galicia, deixa ben claro que o canon de compensación ambiental que pagará o proxecto eólico Mouriños será de cero euros

Doutra banda, hai que recordar que este proxecto, que finalmente quedou integrado por 3 aeroxeradores de gran porte que alcanzan os 151 metros de altura total, deixará, en virtude da Lei 8/2009, pola que se regula o aproveitamento eólico de Galicia, cero euros en concepto de canon compensatorio, pero a cambio dun impacto visual difícilmente asumible sobre o esteiro do río Anllóns e o miradoiro do Monte Branco, considerado como un dos grandes observatorios da paisaxe a nivel galego.

(26.8.2018)