Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana celebra que o convenio de colaboración do Dolmen de Dombate volva a ser público

Logo de máis dun ano de esforzos, a presión social dá os seus froitos e a Deputación da Coruña ven de poñer a disposición da cidadanía en sede electrónica o texto íntegro do acordo.

Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate

Ata agora a situación actual, ao xa non estar accesible o documento na web, era contraria á normativa vixente en materia de transparencia, e impedía fiscalizar tanto a actividade do ente provincial como a do Concello de Cabana de Bergantiños, e coñecer como e onde se estaban a empregar os 60.000 euros de diñeiro público investidos no centro arqueolóxico do Dolmen de Dombate.

Tanto as leis de transparencia e bo goberno 19/2013, do 9 de decembro (estatal) e 1/2016 , do 18 de xaneiro (autonómica), indican que é fundamental a provisión á cidadanía de toda a información necesaria para exercer un labor de fiscalización das institucións pois o dereito fundamental á participación en asuntos públicos non ha de entenderse limitado ao dereito de sufraxio senón "á capacidade da cidadanía de ser un actor fundamental no seguimento, control e vixilancia da actividade dos poderes públicos".

Por este motivo, a Asociación Salvemos Cabana levou o caso ante a Oficina del Defensor del Pueblo e outras entidades da Costa da Morte como  Petón  do Lobo,  Cova Crea e  Ouriol  do  Anllóns fixérono chegar finalmente á Comisión da Transparencia de Galicia.

O TURISMO DE MASAS NON É A SOLUCIÓN PARA UN MONUMENTO COMO DOMBATE

Nesta situación de volta á normalidade, púidose coñecer, por exemplo, o gasto de miles de euros en publicidade en prensa non suficientemente detallada e que o concello segue a apostar en determinadas épocas do ano por converter o lugar nunha sala multiusos para a realización de concertos e eventos deportivos multitudinarios en aras da promoción do turismo de masas, algo que non é compatible coa difusión cultural dos valores asociados a este monumento de época  neolítica.

CAMBIO DE EMPRAZAMENTO PARA O CONCERTO DE CARLOS NÚÑEZ

Neste sentido, Salvemos Cabana considera que o concerto de Carlos Núñez do próximo lunes 13 de agosto debe trasladarse ao auditorio municipal ante a pretensión por parte do alcalde de Cabana e o seu asesor de Cultura José María Varela de pechar un recinto que é público e gratuíto para un evento de pago (15 euros por entrada) e que supón a presenza de 500 persoas no contorna da área arqueolóxica nunha actividade que en absoluto aparece reflectida no convenio de colaboración vixente este ano entre a Deputación da Coruña e o Concello de Cabana de Bergantiños.

(5.8.2018)