Saltar ao contido principal

A dramática situación do Monte Neme e os riscos para a seguridade e a saúde pública pola falta de control administrativo confirman a falacia da "minaría sostible" en Galicia

Balsas mineiras na zona de explotación de áridos do Monte Neme
Seis anos despois do accidente que provocou unha vertedura de máis de 24.000 metros cúbicos de auga e lodos sobre as parroquias de Razo da Costa (Carballo) e Aviño (Malpica), a Dirección Xeral de Enerxía e Minas dirixida por Ángel Bernardo Tahoces segue sen poñer unha solución efectiva a un problema que pode rematar provocando graves consecuencias, como se demostrou recentemente logo da irresponsabilidade cometida por varios "instagrammers", que sufriron problemas de saúde por bañarse nalgunhas das balsas do complexo.

Resulta chocante a reiterada apelación por parte do actual Goberno da Xunta e a Cámara Oficial Mineira de Galicia a conceptos como a "minaría sostible" e a "minaría responsable" mentres no cume do Monte Neme, en parte desaparecido pola actividade extractiva primeiro de wolframio e logo de áridos, a situación tórnase dramática nalgúns puntos pola inexistencia dun perímetro de seguridade tanto en balsas como en taludes, que nalgúns casos caen a pico decenas de metros.

Taludes verticais na área da antigua explotación de wolframio do Monte Neme
Desde o 2014, Salvemos Cabana veu pedindo a drenaxe e selado das balsas mineiras ante o risco potencial de accidentes e a toxicidade demostrada da auga das balsas, que nalgúns casos Augas de Galicia identificou como problemáticas polo seu nivel de acidez e a alarmante presenza de elementos coma o aluminio, o que na práctica constitúe un risco para a saúde pública e os ecosistemas nunha contorna carente das máis elementais medidas de seguridade.

UNHA SITUACIÓN INSOSTIBLE

Tendo en conta a normativa, a realidade é que no Monte  Neme incumpriuse a lexislación que sería aplicable, pois a Lei 3/2008, de Ordenación da Minaría de Galicia, estipula que corresponde á Xunta verificar o cumprimento da normativa en calquera tipo de actividade mineira (art. 46) e que os funcionarios establecidos para tal fin poderán practicar "todas as dilixencias e requirir a información e documentación necesarias para comprobar que se cumpren as disposicións legais e regulamentarias" (art.47).

Así mesmo, recóllese nos capítulos II e III un réxime sancionador que establece competencias, procedementos e no seu caso, toma de "cantas medidas cautelares resulten necesarias" pola vía de urxencia (art.53), o que inclúe tanto medidas de seguridade ou control "que impidan a continuidade na produción do dano".

A Directiva 2006/21/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, sobre a xestión dos residuos das industrias extractivas establece medidas, procedementos e orientacións para previr ou reducir na medida do posible os efectos adversos sobre o medio ambiente, a biodiversidade e os riscos para a saúde humana, sinalando de maneira  taxativa que "é necesario que os Estados membros garantan  que as autoridades competentes organicen un sistema eficaz de inspeccións ou medidas de control equivalentes respecto a as instalacións de residuos das industrias extractivas", algo que no Monte Neme nin se tivo en conta historicamente durante as súas distintas épocas de explotación, nin se está a ter en conta na actual fase de abandono cun plan de restauración claramente incompleto que non remata de levarse a cabo.

Na mesma liña, a Directiva Europea 2004/35/CE, de Responsabilidade Ambiental, establece un marco de actuación co fin de previr e reparar os danos causados aos hábitats naturais, a biodiversidade e os recursos hídricos que tamén supoñan un risco importante para a saúde humana.

Finalmente, o denominado Principio de Cautela ou de Precaución, mencionado no artigo 191 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea, é un dos piares reitores da actuación política na UE e pretende garantir un nivel de protección do medio ambiente, a saúde humana e a biodiversidade con tomas de decisión preventivas en caso de risco o que, conforme á situación existente a día de hoxe no Monte Neme, parece non terse moi conta por parte da actual Administración galega.

(7.7.2019)