Saltar ao contido principal

O proxecto mineiro de Corcoesto, analizado na "I Jornada Castellano-Leonesa sobre minería contaminante"

Un centenar de persoas asistiron á xornada celebrada en Salamanca
Un centenar de participantes asistiron en Boada (Salamanca) a esta xornada informativa, que este fin de semana analizou os impactos e consecuencias dos proxectos de megaminaría a nivel socioeconómico e ambiental.

Organizada dentro do programa de actividades da Plataforma cidadá Stop Uranio e celebrada na tarde do sábado, contou coa participación da Plataforma Salvemos Cabana, que presentou a conferencia "Rosia Montana, Skouries e Corcoesto: Unha aproximación á especulación da minaría do ouro en Europa".

Ademais do conflito galego, durante a sesión fíxose referencia a outros proxectos auríferos especulativos que xeraron unha grave problemática social en Romanía (Rosia Montana) e Grecia (Skouries) e as coincidencias máis que evidentes que presentan estes tres casos, aínda tratándose dunha explotación de distintos recursos minerais, cos plans da mineira australiana Berkeley Resources para extraer uranio en Salamanca.

A continuación, proxectouse o documental da Universidade de Costa Rica: "El oro de los tontos: Memoria de la minería del oro en Costa Rica" que narra unha experiencia semellante no país centroamericano que finalizou coa anulación do proxecto mineiro "As Crucitas" por mandato xudicial, para concluír cunha mesa redonda na que participaron activamente, ademais de representantes das dúas plataformas cidadás, Gabriel Risco, de Equo Salamanca e Felipe Yuste, de Ecologistas en Acción. En total a duración da xornada, que estaba prevista para tres horas, alongouse ata as catro horas e media polas numerosas intervencións do público na rolda de preguntas

(6.1.2013)