Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana envía unha proposta á Xunta para a protección do esteiro fluvial do Anllóns

Coincidindo coa celebración do 22 de marzo do Día Mundial da Auga, a plataforma envía unha petición á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Intraestructuras (CMATI) recomendando o amparo deste espazo baixo a figura de "Humedal Protexido" pola súa exuberante riqueza natural e a súa especial singularidade a nivel ornitolóxico.

Os casi 300 tipos de aves rexistradas certifican a riqueza ornitolóxica do esteiro

Neste sentido, o esteiro do río Anllóns destaca pola maior presenza de aves raras da Península Ibérica. Así, aínda que entre as especies invernantes destacan o corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo), a garzota común (Egretta garzetta), a garza real (Ardea cinerea), a cerceta real (Anas crecca) ou o alavanco real (Anas latyrhynchos), chegando a rexistrarse a presenza de case trescentos tipos de aves, o que o convirte un espazo privilexiado para a observación de migratorias que chegan dende Europa, África e mesmo América do Norte, traídas polos ventos dominantes do Atlántico.

Nos complexos de praia e dunas cría, asemade, a píllara papuda (Charadrius alexandrinus), en serio perigo de extinción e unha das xoias de biodiversidade da zona, e tamén é frecuente a aparición nos cantís do picapeixe (Alcedo atthis) na procura de alimento.

Actualmente, tan só cinco espazos están cualificados como hemedais protexidos en Galicia; o complexo das praias, lagoa e dunas de Corrubedo, o complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, Punta Carreirón e lagoa Bodeira, a lagoa e o areal de Valdoviño, a ría de Ortigueira e Ladrido e a ría de Ribadeo.

UN PRIMEIRO PASO PARA A DECLARACIÓN DUNHA RESERVA DA BIOSFERA

Tal como sinalou en febreiro, a asociación segue apostando, malia a súa complexidade, pola declaración do río Anllóns e a súa área de influencia como Reserva da Biosfera (baixo a denominación de "Terras do Anllóns"), dado que podería tratarse dunha oportunidade única para poñer en valor o territorio e un innegable beneficio a nivel social e económico para os concellos implicados no curso fluvial (Laracha, Cerceda, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana de Bergantiños).

En 1971, a UNESCO deu comezo ao programa MaB ("Man and Biosphere") co obxectivo de relanzar zonas protexidas de medios terrestres e costeiros representativos cuxa importancia, tanto para a conservación coma para a subministración de coñecementos prácticos e valores humanos, puidesen contribuír a un desenvolvemento sostible para as comunidades.

Debido á súa especial relevancia, o Anllóns obtivo en 2001 a declaración de Lugar de Importancia Comunitaria (LIC), e está integrado na Rede Natura 2000, co obxecto de contribuír a garantir a biodiversidade mediante a conservación do seu hábitas naturais e da flora e fauna silvestres consideradas prioritarias pola directiva europea 92/43/CE.

(21.3.2014)