Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana reafírmase en que a degradación ambiental da mina de Touro e a súa contorna é un perigo para a saúde humana e os ecosistemas

A plataforma remite novas probas á Oficina del Defensor del Pueblo e cínguese aos feitos observables neste complexo abandonado próximo a Santiago, con graves problemas de seguridade e restauración.

Vertedura mineira nas inmediacións da localidade de Touro
A mina de Touro, de máis de 600 hectáreas de extensión, foi explotada pola empresa Río Tinto no período 1974-1988 para a extracción de cobre, aínda que tamén extraéronse pequenas cantidades de ouro a partir do concentrado.

O devandito proxecto foi operado a ceo aberto sen ningún tipo de restauración posterior e tras o seu abandono a finais da década de 1980, non existiu un control significativo por parte das autoridades da Xunta, derivando na oxidación dos sulfuros metálicos presentes no mineral en contacto cos elementos e provocando un grave problema ambiental de Drenaxe Ácida de Mina (DAM) que supón un risco para a saúde das persoas, pois a poboación máis próxima se encontra a escasos metros do complexo.

A COMUNIDADE CIENTÍFICA E A SITUACIÓN REAL EN TOURO

Por outra parte, a asociación rexeita categoricamente que o criterio da comunidade científica sexa unánime en relación á situación do complexo mineiro, pois abundan as investigacións que falan dos efectos perniciosos provocados pola actividade mineira a ceo aberto.

Así, en artigos como o de Calvo de Anta e Pérez Otero, "Evolución Mineralóxica en medios afectados por contaminación ácida", sinalase que as minas de Touro "teñen unha considerable extensión de entulleiras de material pedregoso" e que "a alteración deste material inclúe procesos de oxidación moi complexos" que están a dar lugar á "mobilización de sulfatos e elementos metálicos cara ás canles fluviais e solos da contorna".

 

AUSENCIA DE MEDIDAS DE SEGURIDADE

Asemade, no interior do complexo existe unha evidente falta de medidas correctoras, tanto no control do perímetro, que é inexistente, como nunha das balsas de residuos tóxicos hiperácidos, que está situada ao bordo da estrada e nunha das entradas do complexo mineiro, carente das máis elementais medidas de seguridade e que mediante unha canalización está a drenar en dirección aos campos lindantes ao pobo, provocando unha vertedura continua que deriva a varios afluentes do río Ulla.

UN CLARO INCUMPRIMENTO DA LEXISLACIÓN

Por todo iso e á vista dos feitos, a realidade é que se está a incumprir de xeito flagrante a lexislación nacional e internacional, constituíndo un legado ambiental inasumible entre a pasividade da Consellería e Industria da Xunta de Galicia.

A Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, indica no seu artigo 46.1 que "corresponde á Xunta de Galicia, a través da consellaría competente en materia de minas, realizar as comprobacións necesarias", así como "o cumprimento da normativa mineira aplicable", e a adopción de medidas preventivas.

Normativas europeas esenciais, como a Directiva 20/60/CE, de Protección e Xestión da Auga perseguen "unha maior protección e mellora do medio acuático" mediante a supresión de verteduras e substancias perigosas e un "bo estado químico" do recurso hídrico e na mesma liña, a Directiva 2004/35/CE, de responsabilidade ambiental, establece un marco común de responsabilidade co fin de previr e reparar os danos causados aos hábitats naturais, a biodiversidade e os recursos hídricos, que tamén supoñan un risco importante para a saúde humana.

Por todo iso, cabe preguntarse se este é o concepto de 'minaría sostible' ao que reiteradamente apelan a actual administración da Xunta de Galicia e a Cámara Oficial Mineira e cual está a ser a consideración real da saúde humana en relación ás iniciativas desenvolvidas dende o sector extractivista.

(24.3.2014)