Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana lamenta a falta de transparencia pública da Xunta sobre a pervivencia da autorización ambiental da mina de Corcoesto

A Consellería de Economía e Industria responde tras dous requerimentos á Oficina do Valedor do Pobo sobre a validez da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto mineiro co envío da resolución motivada de cancelación comunicada a Mineira de Corcoesto S.L. / Edgewater, pero sin aclarar oficialmente se a devandita anulación leva consigo ou non o decaemento da tramitación ambiental.

A intervención do Valedor non axudou a aclarar a situación da DIA

Así, tal como sinala o escrito remitido polo Valedor á Plataforma, no informe da Xunta "se resolve a denegación da aprobación do proxecto ante a insuficiente acreditación da solvencia económica e técnica do solicitante", sinalando que dita decisión deuse "en aplicación da lexislación sectorial vixente e co respaldo expreso dun informe da asesoría xurídica da Xunta de Galicia e outro do IGAPE, este último relativo aos aspectos técnicos".

Doutra banda, a Oficina do Valedor considera que a Xunta non ten a obriga de facelo na resolución enviada á empresa mineira "pois ese tema non forma parte do resolto de forma congruente co solicitado" (facendo referencia á autorización, que foi denegada).

Finalmente, o Alto Comisionado fai patente que mantén o criterio xurídico ao respecto feito público en outubro de 2013, cando sinalou que "dado o rexeitamento global do proxecto, este ten como consecuencia que decaian todos os actos de trámite deste, entre eles a avaliación ambiental" pois "non resulta aplicable o previsto para a posible caducidade das declaracións, posto que a pervivencia durante un prazo prevese para os casos en que se deu a autorización ou aprobación do proxecto e este non comezase a executarse (art.14 do Real Decreto Lexislativo 1/2008)" o que ademais foi reiterado esta semana no informe anual da institución.

LAMENTABLE FALTA DE TRANSPARENCIA PÚBLICA DA XUNTA NO CASO CORCOESTO

Ante esta situación, a asociación lamenta unha vez máis a opacidade da Consellería de Economía e Industria en todo o que rodeou dende o principio ao proxecto mineiro de Corcoesto, as trabas impostas para acceder ao expediente e comparecer no caso e estudará todas as vías legais ao seu alcance para que se fagan valer os seus dereitos e a poboación poida estar informada sobre un tema de primeira orde debido ás súas numerosas implicacións socioambientales non só na Bisbarra de Bergantiños, senón a nivel galego.

As actuais autoridades da Xunta parecen obviar que, tal como sinala a Lei 19/2013, "a transparencia, o acceso á información pública, e as normas do bo goberno deben de ser os eixes fundamentais de toda acción política", dado que "os países con maiores niveis en materia de transparencia e normas de bo goberno contan con institucións máis fortes, que favorecen o crecemento económico e social" e "permitindo unha mellor fiscalización da actividade pública contribúese á necesaria rexeneración democrática" promovendo "a eficiencia e eficacia do Estado".

4.4.2014