Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana reafírmase no desastre ambiental causado pola falta de control sobre a actividade mineira no Monte Neme

A asociación rexeita calquera intento de crear polémica sobre a situación do monte e confirma que os altos niveis de acidez (medicións de pH baixo) e aluminio detectados pola Xunta e comunicados a semana pasada só teñen unha lectura posible ao tratarse de augas cuxa toxicidade impide o seu consumo para uso humano e/ou rego de cultivos polos efectos que poden ter para a saúde e o medio ambiente.

Detalle da vertedura de augas ácidas denunciada ao Seprona

De feito, a presenza de augas ácidas é un fenómeno no que a actividade mineira actúa de axente potenciador e desgraciadamente moi habitual en explotacións de todo o mundo nas que nalgún momento se levou a cabo explotación metalífera e que non pasaron por ningún episodio de restauración, provocando a contaminación de augas e sedimentos fluviais. Ademais pola súa natureza, magnitude e elevado custo de remediación, a solución a este problema presenta numerosas dificultades.

Neste sentido, as zonas mineiras no seu conxunto pódense considerar como áreas fonte de drenaxes ácidas. Para avaliar as lixiviacións ácidas dunha área mineira basta con medir o caudal no punto da rede fluvial que recolle todas as drenaxes procedentes desta e analizar a súa calidade, determinando co dato de volume e concentración a súa carga contaminante, tal e como supostamente realizou a Xunta no Monte Neme.

O DESASTRE AMBIENTAL DO MONTE NEME NON É "INFUNDADO" SENÓN REAL

Doutra banda, a asociación reafírmase na denuncia efectuada o pasado luns sobre a presenza de augas contaminadas nas inmediacións da balsa mineira situada ao leste da concesión 'Reconquista', de aí que ante o risco potencial se dese aviso ao Seprona e enviado unha serie de probas documentais para a súa valoración, ao ser o departamento da Garda Civil encargada da vixilancia medioambiental.

Salvemos Cabana lamenta profundamente a notable falta de criterio que demostraron algúns responsables públicos na xestión de toda a problemática asociada ao Monte Neme, antes e despues da rotura da balsa mineira o pasado 10 de febreiro, tanto na falta de previsión coma en posteriores valoracións efectuadas sobre o estado do monte e o pretendido proceso de restauración.

En definitiva, o sucedido deixou en evidencia que a falta de control das administracións sobre o medio ambiente pode derivar en situacións indesexadas a nivel de saúde pública para as poboacións das áreas afectadas por proxectos industriais. Por todo iso, resulta lamentable que teña que ser a cidadanía a que exerza a tarefa de fiscalización que en ocasións os representantes políticos non saben -ou non queren- levar a cabo.

(24.4.2014)