Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana celebra o Día Mundial do Medio Ambiente presentando en imaxes o activismo social contra a megaminaría e na defensa dos valores naturais da Costa da Morte

A exposición fotográfica "Ouro Impuro: A loita por Corcoesto" alcanza a súa sexta edición na galería do centro sociocultural compostelán "O Ensanche" tras o seu paso polo Forum Metropolitano da Coruña, a Biblioteca Anxel Casal de Santiago e os centros municipais de Conxo, Castiñeiriño e Vite.

"Ouro Impuro: A loita por Corcoesto", ata o próximo día 27 en Santiago
A mostra, que será visitable ata o próximo 27 de xuño, fai un percorrido en 24 imaxes polos valores naturais de Cabana de Bergantiños e a parroquia de Corcoesto (unha das dez que integran o seu concello), as actividades e o estilo de vida tradicional da zona e unha selección de imaxes da loita popular iniciada fai agora dous anos para conseguir a paralización do proxecto mineiro que a empresa canadense Edgewater Exploration pretendía instalar na Comarca de Bergantiños.

Esta iniciativa quere servir de recordatorio gráfico no Día Mundial do Medio Ambiente de como a mobilización social en defensa da saúde pública e a contorna natural conseguiu un fito histórico ao lograr de xeito preventivo e por primeira vez na historia recente de Galicia a anulación dun proxecto mineiro que de levarse a cabo tería suposto o emprego de 546.000 kg de cianuro de sodio ao ano, xerando ao final da súa vida útil máis de 17 millóns de toneladas de residuos tóxicos.

Ademais, de sair adiante, as balsas de residuos supoñerían un legado inasumible para as xeracións futuras a cambio dun proxecto de escaso horizonte temporal que podería poñer en risco miles de empregos xa consolidados nos sectores agrícola, gandeiro, marisqueiro, pesqueiro e turístico, que son a base da economía local.

De feito, existe un consenso declarado a nivel internacional de que a minaría a ceo aberto é a actividade industrial máis agresiva en termos ambientais, debido á interminable lista de impactos que leva consigo sobre aire, auga e solos e a gran perigosidade inherente aos seus procedementos debido ao tipo de reactivos empregados na recuperación do mineral.

O Día Mundial do Medio Ambiente, celebrado o 5 de xuño, é unha das ferramentas principais empregadas a nivel internacional pola Organización das Nacións Unidas (ONU) para impulsar campañas de sensibilización e accións en defensa da contorna natural por todo o mundo. Ao longo dos anos, esta celebración creceu ata converterse nunha plataforma global na que participan persoas e colectivos sociais de máis de 100 países.

(5.6.2014)