Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana critica a actitude de Edgewater tras a cancelación do proxecto mineiro de Corcoesto

Como vén acontecendo dende hai meses, mentres na súa web corporativa a mineira afirma en inglés que "a compañia segue traballando co Goberno para desbloquear o potencial do proxecto aurífero de Corcoesto", a canadense ameaza sen paliativos en Galicia con demandar á Xunta nunha actitude que ataca de maneira flagrante a independiencia da decisión tomada de xeito soberano polo goberno galego.

Edgewater parece esquecer que o pasado xullo a Xunta esixíulle multiplicar por 60 os fondos propios garantindo que podía acomenter o 25% do investimento prometido, cuantificado en 135 millóns de dólares (máis de 100 millóns de euros), pero non obstante, a demostrada insolvencia económica da mineira non fixo posibles as condicións esixidas, poñendo en evidencia as carencias financeiras da transnacional canadense e a súa filial galega Mineira de Corcoesto.

A mineira equivócase ao afirmar que "quebrantouse o principio de confianza lexítima" pois convén recordar que a anulación foi froito do incomplimiento dos requisitos impostos a nivel técnico e financeiro pola Xunta de Galicia e que non cabe recurso ao tratarse dunha resolución definitiva e irrevogable por parte do executivo autonómico. A suposta compensación patrimonial que demanda a empresa non ten, pois, cabida de ningún tipo ao non ter cumprido coas esixencias administrativas.

UN PROXECTO ESPECULATIVO DE PRINCIPIO A FIN

Nos últimos anos a situación mundial formentó unha situación de "burbulla" que permitiu que o ouro fose visto como un activo financeiro de referencia ante o exceso de liquidez a nivel internacional e as políticas monetarias emprendidas polos bancos centrais, propiciando un aumento desproporcionado do seu valor e facendo atractivos a nivel económico a reapertura de antigos filóns de moi baixo rendemento como no caso de Corcoesto, cunha lei media estimada pola compañía de 1,67 gr. por tonelada de rocha procesada.

Sen embargo, a desaceleración do sector produtivo en China, e tamén as espectativas da Reserva Federal norteamericana ao reducir o ritmo de compra de bonos, fixeron menos atractivo o investimento en ouro, provocando a caída da súa cotización e augurando unhas perspectivas negativas nos próximos anos para o sector mineiro.

Dende o principio, á vista dos feitos e tras un exame detido do proxecto, dende Salvemos Cabana xa se alertou do fin "meramente especulativo" do proxecto de Edgewater en Corcoesto, cuxo maior obxectivo era o beneficio dun pequeno grupo de investidores a cambio duns impactos totalmente inasumibles para a Comarca de Bergantiños, debido á insostibilidade ambiental e social da proposta mineira, que ao paso do tempo demostrouse tamén inviable a nivel económico. Un proxecto cuxos presuntos "beneficios" non compensaban baixo ningunha circunstancia ante os impactos que podería orixinar e polo maioritario clima de rexeitamento social xerado dende a súa presentación pública.

(23.6.2014)