Saltar ao contido principal

A Xunta de Galicia emitiu informes favorables á actividade mineira de Votorantim en Triacastela malia as reticencias do Comité Asesor do Camiño de Santiago e as irregularidades sancionadas pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil

Cementos Cosmos, pertencente ao grupo brasileiro, obtivo así a licenza municipal solicitada ao concello tras dez meses de parada, polo que poderá reiniciar de inmediato os seus labores de explotación na canteira de Vilavella.

Non obstante, segundo consta no expediente público do caso, o Comité Asesor do Camiño de Santiago reflectiu por escrito tras a reunión do organismo o pasado 27 de marzo as afeccións que a explotación mineira pode ter sobre este itinerario cultural europeo.

Así -sinalan-, "a operación extractiva a gran escala a ceo aberto, cunha evidente presenza visual nun considerable tramo do Camiño Francés, implica que non se deberán levar a cabo labores de explotación mineira en terreos incluídos no ámbito de protección do territorio histórico, incluíndo a zona de respecto ou de amortecemento, por considerarse incompatibles coa conservación dos valores culturais do Camiño de Santiago nas condicións nos que están descritos".

Malia isto, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural informa, de xeito incomprensible, favorablemente, asumindo que a explotación de Cementos Cosmos en Vilavella, que afea de xeito considerable a paisaxe dese tramo do Camiño Francés, ten un efecto que pode ser compensado unicamente coa non realización de novas actividades mineiras que afecten á zona considerada dentro do territorio histórico, cando o notorio impacto visual xa é unha realidade e mesmo no futuro poderían realizarse novas ampliacións da canteira que agravarían o problema.

EXPEDIENTE SANCIONADOR POR PARTE DA CONFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA MIÑO-SIL


Doutra banda, na citada documentación, valorada no seu momento pola Xunta e que finalmente permite a licenza municipal definitiva que aproba o reinicio de labores mineiros de Cosmos en Triacastela, inclúese un informe, datado o 16 de xullo de 2014 e asinado pola Comisaría de Augas da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), no que se fai referencia a un expediente sancionador a Cementos Cosmos (S/27/0052/12), ao que non se deu resposta adecuada dende a Administración, "reparando danos e/ou procedendo á legalización das obras efectuadas, debendo achegarse proposta para a restauración da afección ao dominio público hidráulico".

Segundo fai constar o CHMS, este foi debido á execución "sen contar coa preceptiva autorización deste organismo de conca, de obras na canteira situada sobre a Cova de Eirós, consistindo nun ensanche e recrecido dun camiño na zona de policía do río Teixido" e aínda que xa se produciu a caducidade deste "isto non exclúe a posibilidade de iniciar a correspondente acción sancionadora, ao non ter prescrito a infracción e a relativa á realización de danos ou prexuízos que resulte procedente, ou de reparación das cousas que tiña antes de producirse a infracción". Asemade, advirten, estudarase "se procede a apertura dun novo expediente sancionador conforme ao disposto no apartado B da resolución do expediente sancionador S/27/0052/12".

UNHA DECISIÓN DIFÍCIL DE ENTENDER POR PARTE DA ADMINISTRACIÓN GALEGA

Con estes feitos enriba da mesa, e tendo en conta sucesos anteriormente denunciados por parte de distintas asociacións e mesmo os efectos prexudiciais que a actividade mineira tivo e está a ter sobre o maior santuario rupestre de Galicia, Cova Eirós, non se comprende como é posible que as distintas seccións da Xunta implicadas puidesen informar favorablemente sobre esta polémica explotación de Votorantim na provincia de Lugo, o que finalmente derivou na súa legalización.

Dende Salvemos Cabana consideramos que a axeitada xestión e conservación do Patrimonio por parte das distintas administracións públicas é o mellor conduto para vincular á xente e as comarcas coa súa historia, e a clave para a comprensión e respecto das nosas orixes. Por iso hai que valorar sempre a futuro os impactos de calquera proxecto de minaría a ceo aberto, máis nunha zona como Triacastela, que atesoura valores arqueolóxicos e culturais de primeira orde.

(10.8.2014)