Saltar ao contido principal

Votorantim incumpre o seu propio código de conduta na actividade mineira de Cementos Cosmos en Triacastela

Salvemos Cabana considera que as actuacións da filial do xigante brasileiro na súa mina luguesa, non respectan os compromisos autoadquiridos pola multinacional no seu programa de responsabilidade social corporativa.

Explotación mineira de Cementos Cosmos en Triacastela

Inspirado nos valores e crenzas da multinacional, esta normativa contén os principios que unifican a todas as empresas do grupo "independentemente da rexión, cultura ou mercado", é de "aplicación obligatoria" entre os empregados do grupo e "debe servir de referencia aos asociados comerciais", ofrecendo "orientacións claras e non negociables" sobre as actuacións da compañía.

Votorantim afirma así que se compromete a "manter canles de diálogo permanente con todas as comunidades nas que está presente" e que "o investimento en proxectos sociais, culturais ou ambientais debe ser orientada coas demandas reais das comunidades, ademais de estar alineada ás directrices do Instituto Votorantim, de maneira que cumpra os proxectos efectivamente comprometidos en fomentar a transformación social" porque "a construción e fortalecimiento da imaxe e reputación do Grupo" tamén se dan a través do "diálogo e comportamento" coas poboacións.

A TEORÍA DISTA MOITO DA REALIDADE EN TRIACASTELA

A realidade é que pese ás boas intencións que marcan sobre o papel as liñas de acción de Votorantim, na actividade minera de Cementos Cosmos na canteira de Vilavella faise patente o incumplimiento sistemático das directrices que a compañía marca no seu propio código de conduta.

Dunha banda e alén da relación institucional co Concello de Triacastela, que foi quen outorgou a licenza municipal de actuación o pasado 1 de agosto, Votorantim non mantén diálogo algún coas asociacións da zona que desde fai anos veñen denunciando a problemática xerada pola cementera e as irregularidades cometidas pola súa filial.

Resulta chocante ademais, que Votorantim fale de investir en "proxectos sociais, culturais ou ambientais" cando para os expertos resulta "evidente o risco de destrución e deterioro" que a actividade minera pode ter sobre Cova Eirós, verdadeira 'catedral' do Paleolítico galego que alberga as únicas pinturas rupestres coñecidas desa etapa en todo o noroeste peninsular. De feito, o pasado 27 de maio, o Comité Asesor do Camiño de Santiago, órgano consultivo da Xunta de Galicia alertou de que a cercanía da actividade minera "supón un alto risco para a conservación do xacemento debido ao uso de explosivos".

Este mesmo órgano afirmou entón que "a operación extractiva a gran escala a ceo aberto, cunha evidente presenza visual nun considerable tramo do Camiño Francés, implica que non se deberán levar a cabo labores de explotación mineira en terreos incluídos no ámbito de protección do territorio histórico, incluíndo a zona de respecto ou de amortecemento, por considerarse incompatibles coa conservación dos valores culturais do Camiño de Santiago nas condicións nos que están descritos".

Como xa se apuntou en datas recentes desde a asociación, a compañía mantén aberto un expediente sancionador por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (código S/27/0052/12), que obriga á compañía a "reparar danos" e/ou proceder "á legalización das obras efectuadas, debendo de aportarse proposta a a restauración da afección ao dominio público hidráulico".

Segundo fai constar o CHMS, este foi debido á execución "sen contar coa preceptiva autorización deste organismo de conca, de obras na canteira situada sobre a Cova de Eirós, consistindo nun ensanche e recrecido dun camiño na zona de policía do río Teixido" e aínda que xa se produciu a caducidade deste "isto non exclúe a posibilidade de iniciar a correspondente acción sancionadora, ao non ter prescrito a infracción e a relativa á realización de danos ou prexuízos que resulte procedente, ou de reparación das cousas que tiña antes de producirse a infracción". Asemade, advirten, estudarase "se procede a apertura dun novo expediente sancionador conforme ao disposto no apartado B da resolución do expediente sancionador S/27/0052/12".

RECALIFICACIÓN DE RECURSOS MINEROS

Doutra banda, no caso desta canteira, concedeuse unha licenza municipal para a explotación dunha concesión minera de recursos da sección C, en base a un título outorgado a Cementos Cosmos no ano 2008, un tipo de actividade extractiva que non existía no 2003, cando a empresa recibiu tan só unha autorización de explotación para recursos da sección A, o que implica tras este cambio de status que automáticamente tería que estar suxeita a unha declaración de impacto ambiental, a aprobación do proxecto de explotación e o plan de restauración correspondentes.

A PLATAFORMA ENVIARÁ UN INFORME Á SEDE BRASILEIRA DE VOTORANTIM

Polo anteriormente exposto, a Plataforma enviará un informe completo á central da multinacional brasileira a través da súa "Liña Ética" para poñer en coñecemento da compañía os datos de que dispón sobre a inviabilidade da súa operación minera en Triacastela.

A Responsabilidade Social Corporativa das grandes empresas debería servir para contribuír activa e voluntariamente a mellora socioambiental das comunidades, pero por desgraza en moitas ocasións non deixan de ser un mero 'Código de Bo Goberno' empregado como método para "lavar a imaxe" fronte aos  abusos e irregularidades das mesmas en calquera sector industrial.

(20.8.2014)