Saltar ao contido principal

Campaña europea para a prohibición do uso do cianuro á que se adhire Salvemos Cabana (impulsada por Mining Watch Romania)

PIDAMOS AO NOSO CANDIDATO A COMISARIO DE MEDIO AMBIENTE QUE PROHIBA O USO DE CIANURO EN MINARÍA (ver texto orixinal)

BREVE GUÍA PARA MOBILIZAR AOS MEMBROS DO PARLAMENTO EUROPEO (MPEs)

O PAPEL DESTA GUÍA

Nas próximas audiencias dos candidatos propostos como comisarios, estamos interesados en coñecer se a Unión Europea ten en conta o perigo que supón o uso de cianuro en minaría. Necesitamos un compromiso claro para o futuro dende o Colexio de Comisarios, en especial do futuro Comisario de Medio Ambiente (ENVI). Por iso, elaboramos unha serie de preguntas aos candidatos ENVI que os eurodeputados poden facer durante as audiencias.

A nosa esperanza é que, xunto coa súa axuda, o candidato a Comisario de Medio tome en consideración a nosa consigna Non ao ouro tóxico! durante as audiencias no Parlamento Europeo en setembro.

ANTECEDENTES

As operacións mineiras a gran escala a miúdo utilizan cianuro no proceso de extracción de metais tales como ouro, prata e cobre, dado que este elemento é de baixo custo e axuda a separar o metal da rocha. De feito, a moderna minaría a ceo aberto converteuse nun proceso químico en lugar da idea que tradicionalmente moitos de nós asociamos á minaría. É así como na moderna minaría do ouro utilízanse grandes cantidades de cianuro de sodio para recuperar o mineral. Ata o momento propuxéronse máis de 20 novas minas baseadas no uso de cianuro en 7 países da UE. Por exemplo, en Romanía unha mineira canadense propón a maior mina a ceo aberto de Europa. A pleno rendemento, esta mina evacuaría 500.000 toneladas de rocha por semana, emitindo 134 kg de cianuro ao aire diariamente e o uso de entre 130 e 150 toneladas de cianuro ao ano durante unha vida útil de 16 anos.

En maio de 2010, o Parlamento Europeo adoptou unha resolución sobre a prohibición xeral do uso de cianuro nas tecnoloxías mineiras en todo o territorio da Unión Europea. Non obstante, o lobby empresarial da industria mineira convenceu á Comisaría de Medio de que "unha prohibición xeral do uso de cianuro resultaría no peche das minas existentes que operan en condicións de seguridade, e que ademáis tería un efecto negativo no emprego". Dende entón, outras comunidades en toda a UE enfrontáronse a proxectos mineiros que implican o uso de cianuro. Como resultado, formouse unha alianza para opoñerse aos proxectos de extracción de ouro mediante a utilización de cianuro. Dende Grecia, Romanía, España, Francia, Turquía, ARYM, Eslovaquia, República Chega, Bulgaria ou Finlandia, os cidadáns mobilízanse para garantir que o cianuro sexa prohibido en minaría.

AUDIENCIA DO CANDIDATO A COMISARIO DE MEDIO AMBIENTE

En setembro de 2014, Jean-Claude Junker, o Presidente electo da Comisión Europea anunciou as asignacións de carteira para os candidatos á as distintas áreas. Karmenu Vella, o candidato de Malta, podería así converterse en Comisario de Medio, Asuntos Marítimos e Pesca.

Espérase que as audiencias comecen a semana do 29 de setembro de 2014 (Fonte: European Voice) e a comisión parlamentaria que moi probablemente se encargará da moderación será a de Medio Ambiente, Saúde Pública e Seguridade Alimentaria. O eurodeputado italiano Giovanni La Via, membros do Grupo de Partido Popular Europeo (Cristián Demócratas), é o Presidente. Con 69 membros, o Comité ENVI é o principal comité lexislativo do Parlamento Europeo. Para unha lista completa, preme aquí.

Pídelle aos eurodeputados que van tomar parte no Comité sobre Medio Ambiente, Saúde Pública e Seguridade Alimentaria que fagan unha das seguintes preguntas ao candidato, Karmeanu Vella, usando Twitter e Facebook para informar os eurodeputados. Aquí están os seus perfís. Únete ao twitterstorm entre o 22 e o 29 de setembro co hashtag #bancyanide para comunicarte cos eurodeputados ENVI.


PREGUNTAS PROPOSTAS

1. O cianuro é un axente letal para o ser humano.

Este produto químico ten efectos nocivos para a saúde humana mesmo a doses baixas. Pode afectar ao sistema respiratorio, cardiovascular, gastrointestinal, neurolóxico, ocular e dérmico, xa que pode ser absorbido en contacto coa pel. Os efectos sobre a saúde poden durar meses ou anos, e van dende o risco de padecer cancro aos problemas reprodutivos, hipertiroidismo ou danos permanentes no sistema nervioso.

De acordo coa clasificación da UE, o cianuro considérase moi tóxico e perigoso para o medio e a natureza. Mentres que algúns produtos químicos perigosos, como o DDT, están prohibidos polo Convenio de Estocolmo ou a Directiva Reach, o cianuro é aínda amplamente utilizado, a pesar da evidencia de que pode causar cancro ou danos permanentes no sistema nervioso.

Pregunta ao candidato a comisario

-Pasados máis de 10 anos dende o catastrófico accidente de Baia Mare e dado que se proxectan minas a grande escala a base de cianuro en zonas densamente poboadas en 7 países da UE, vai apoiar a resolución aprobada polo Parlamento Europeo sobre a prohibición xeral do uso de cianuro en tecnoloxías mineiras?

-Como pretende ser coherente entre as políticas de saúde, seguridade e outros obxectivos no caso da mineria a base de cianuro, dado que o cianuro é un dos químicos obsoletos cun efecto negativo demostrado na saúde humana e o medio ambiente?

2. O cianuro destrúe a natureza prístina.

Algunhas das máis impresionantes reservas de biodiversidade de Europa -en rexións como Laponia, Galicia, Calcídica ou Transilvania-, están ameazados por proxectos de minaría a base de cianuro. Soamente en Transilvania, hai 13 proxectos en trámite. Millóns de cidadáns europeos en Grecia, Romanía, Francia, España, Turquía, ARYM, Eslovaquia, República Chega, Bulgaria e Finlandia enfróntanse a que as ditas tecnoloxías poidan mutilar as súas paisaxes e destruír as súas reservas naturais, así como contaminar os recursos hídricos.

O cianuro pode matar toda a vida acuática dun río, convertendo un ecosistema completo nun curso de auga morta. As balsas mineiras que conteñen cianuro a miúdo teñen fugas ou desbordamento (debido ao mal deseño ou ás condicións climáticas extremas), contaminando acuíferos e matando a fauna que vive en regueiros e lagos.

A enquisa do Eurobarómetro 2012 sobre o medio ambiente revela que a contaminación química é citada como a maior ameaza para os recursos hídricos pola maioría dos europeos (84%). Os europeos consideran que o foco principal das medidas que se adopten debe estar na contaminación da auga polos usos industriais (69%).

Pregunta ao candidato a comisario

-Que medidas concretas levará a cabo para axustarse ao compromiso da CE para preservar as augas de europa no caso das actividades mineiras a base de cianuro? Estará o seu apoio á Resolución do Parlamento Europeo sobre a prohibición xeral do uso das tecnoloxías mineiras a base de cianuro na Unión Europea entre as accións a levar a cabo para respectar a iniciativa cidadá europea para aumentar os esforzos da UE sobre a auga?

-Como pensa lograr a preservación e "bo estado" dos recursos hídricos para evitar a súa contaminación xa que o uso de cianuro en minaría viola a Directiva Marco da Auga?

3. O cianuro empobrece rexións e remata cos postos de traballo existentes.

A pesar da retórica, o mundo da investigación certifica que a minaría moderna non emprega man de obra intensiva e non xera riqueza. Os estudos demostran que "mesmo cando estas minas lograsen o pleno emprego, a zona periférica seguiría tendo altas taxas de desemprego, maior que a media da rexión".

Ademais, a minaría crea un impacto significativo e duradeiro no medio local. Fai un uso intensivo da terra e deixa unha profunda pegada, traendo consigo un nivel de degradación do medio ambiente que fai da zona afectada un lugar menos atractivo para vivir e traballar. Isto inhibe a diversificación económica fundamental para a prosperidade económica da comunidade en xeral. Dacordo a un recente estudo do proxecto Rosia Montana, en Romanía, en realidade poderían xerarse ao redor de 100 postos de traballo para os locais no ano pico de produción, pero poderían destruírse máis de 22.000 postos de traballo na zona para as persoas que traballan na agricultura, o turismo, a produción de mobiliario e a artesanía tradicional.

Mentres que o 80% considera que a economía inflúe na súa calidade de vida, o 75% pensa que a situación do medio ten un impacto similar e o 77% dos cidadáns da UE cre que os problemas ambientais teñen un efecto directo na súa vida diaria. Preocúpanse, segundo a enquisa do Eurobarómetro 2014 sobre o medio ambiente, a maioría sobre a contaminación do aire (56%) e a contaminación da auga (50%), ambos os dous no máis alto do ranking, así como pola xeración de residuos e o esgotamento dos recursos naturais.

Ao mesmo tempo, un estudo encargado pola Comisión Europea en 2010 para avaliar os "impactos da extracción do ouro na UE", resumiu que "ningún dos Estados membros da UE son grandes produtores de ouro (...) e, polo tanto, poderíase argumentar que unha prohibición tería poucos efectos económicos na UE aínda que habería impactos económicos localizados".

Igualmente, hai unha grande oportunidade para a creación do emprego na recuperación de metais a partir dos residuos electrónicos. De feito, a concentración de metais en produtos desbotados é moito maior que o mineral virxe. A Axencia de Protección Ambiental dos Estados Unidos (EPA), estima que as placas de circuítos integrados conteñen de 40 a 800 veces as concentracións de mineral de ouro extraido nos Estados Unidos. Do mesmo modo, os estudos de base en Bélxica, a companía de tecnoloxía de materiais Umicore (un dos maiores recicladores do mundo de metais pesados a partir de residuos electrónicos e industriais), mostran que a denominada "minaría urbana" pode resultar en leis de ouro de 200-250 gramos por tonelada a partir de placas de circuítos de ordenador, e de entre 300 e 350 gramos por tonelada a partir de teléfonos móbiles. Isto contrasta con leis de ouro na minaría convencional de tal vez 5 gramos por tonelada de mineral, ou mesmo menos.

Pregunta ao candidato a comisario

-Onde está a liña entre a retórica da industria sobre a creación de emprego e a constante ameaza para o medio ambiente que formula a minaría baseada no uso de cianuro? Neste sentido, como ve o futuro da evolución das políticas europeas sobre medio ambiente?

-Que medidas vai tomar para promover o investimento en actividades de minaría e reciclaxe urbana e a redución das tecnoloxías mineiras a base de cianuro, co fin de alcanzar os obxectivos da economía circular da UE?

-Vai incluír no seu programa de traballo o obxectivo de apoiar o emprego verde na reciclaxe de metais preciosos como unha alternativa ás tecnoloxías mineiras a base de cianuro? Como planea utilizar os fondos estruturais para fomentar este tipo de emprego verde representado polas actividades económicas que xera a minaría urbana?

A audiencia dos comisarios paso a paso.

O Parlamento aproba a Comisión como organismo e avalía as propostas a comisarios a partir das súas competencias xerais.

1. O Parlamento formula os candidatos a comisarios designados unha serie de preguntas escritas que se encargan principalmente das prioridades políticas dos candidatos nos seus respectivos ámbitos de responsabilidade. As respostas escritas dos candidatos serven de base para a fase oral -as audiencias-.

2. Invítase cada comisario designado a unha audiencia pública de tres horas coa comisión parlamentaria responsable da carteira en cuestión. Estas audiencias serven para que os comités poidan chegar a coñecer a personalidade dos candidatos a comisarios e nelas mantéñense un profundo intercambio de opinións cos distintos candidatos sobre as súas prioridades nas súas áreas potenciais de responsabilidade.

3. Por último, o Parlamento vota sobre a aprobación de toda a Comisión Europea como organismo. A nova Comisión pode entón ser nomeada formalmente polo Consello.

Como propoñer preguntas aos eurodeputados antes das audiencias?

-Se queres coñecer ou escribir ao teu eurodeputado/a aquí podes encontrar todos os contactos incluídos e os enlaces ás súas redes sociais. Convén dar prioridade aos 69 membros da Comisión de Medio Ambiente (ENVI).

-Se queres coñecer ao teu eurodeputado/a chámao, mándalle un correo electrónico á súa oficina para solicitar unha cita. Algúns deputados regresan ao seu distrito electoral os xoves para atender ao seu electorado todo o venres, mentres que outros/ás volven a casa durante as semanas dedicadas á súa circunscrición. Podes encontrar as semanas de circunscrición dos eurodeputados en cor turquesa aquí.

-Sígueo/a en Facebook ou Twitter e envíalle un ou dúas mensaxes. Suxírelle unha das preguntas para a audiencia.

--

Referencias:

Sitio web do Parlamento Europeo:
http://www.europarl.europa.eu/hearings/documents/default.htm?language=EN&folioId=3#

Sitio web Elections2014.eu:
http://www.elections2014.eu/en/new-commission/towards-a-new-commission

Enquisa do Eurobarómetro sobre o medio ambiente 2014:
http://europa.eu/rapid/press-release_IP-14-976_en.htm

Enquisa do Eurobarómetro sobre o medio ambiente 2012:
http://europa.eu/rapid/press-release_IP-12-289_en.htm

"Puncte de vedere ale majoritatii cetatenilor se mediului de afaceri din Muntii Apuseni, referitoare a impactul proiectului de exploatarea MINIERA da Rosia Montana propus de RMGC":
http://www.romaniacurata.ro/spaw2/uploads/pdf/studiucampeni.pdf

A Mining Truth Report:
http://www.miningtruth.org/faq-sulfide-mining-minnesota-truth-report.pdf

Comisión de Medio Ambiente, Saúde Pública e Seguridade Alimentaria:
http://www.europarl.europa.eu/committees/en/envi/home.html

Short Circuit: The Lifecycle of our electronic gadgets and the true cost to Earth:
http://www.gaiafoundation.org/sites/default/files/ShortCircuit_lores.pdf

--

Para máis información:

-Mining Watch Romania (en inglés): contact@miningwatch.ro
-Plataforma Salvemos Cabana (en galego/español): salvemoscabana.info@gmail.com

(22.9.2014)