Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana celebra a decisión do Principado de Asturias de non autorizar a mina de ouro de Salave

A Plataforma considera que o Goberno asturiano actuou con responsabilidade ao escoitar o clamor da cidadanía contra o proxecto de Asturgold no Occidente e primar o Principio de Precaución e a protección da saúde e o medio ambiente fronte aos intereses particulares dunha empresa privada.

Tal e como fixo público no mes de agosto Salvemos Cabana, os informes presentados por parte da Confederación Hidrográfica do Cantábrico (CHC) aos que tivo acceso a asociación non deixaban lugar a dúbidas sobre a inviabilidade do proxecto, claramente inasumible dende o punto de vista ambiental.

Dunha parte, o organismo competente en materia de augas xa deixaba claro entón que a mineira Asturgold non seleccionara ningunha alternativa válida á hora de paliar o seu impacto potencial sobre o dominio público hidráulico e que nos lixiviados procedentes dunha hipotética explotación mineira en Salave existía o risco de altos niveis de acidez e presenza de substancias perigosas como arsénico, cobre, cromo, mercurio, níquel, chumbo, selenio ou cinc en concentracións superiores ás legalmente autorizadas e que poderían producirse unha serie de impactos negativos sobre o recurso hídrico polo risco de verteduras ou filtracións procedentes da planta de tratamento.

Finalmente, a Comisión para Asuntos Medioambientais do Principado (CAMA) advertiu numerosas deficiencias, tanto nos múltiples incumprimentos referidos á lexislación de augas, como nas insuficientes medidas correctoras sobre o dominio público hidráulico, a caracterización de lixiviacións das entulleiras, a deficiente aplicación do modelo hidroxeolóxico utilizado pola empresa para predicir caudais na explotación subterránea ou a xestión do depósito de residuos mineiros, cun risco evidente de mobilización de contaminantes como arsénico, antimonio, cobalto ou manganeso.

Por todo iso, non cabe máis que felicitarse ante o desenlace do conflito orixinado pola minaría do ouro en Tapia de Casariego e valorar moi positivamente o gran traballo realizado por todas as persoas e asociacións que dende hai máis de dez anos loitaron activamente en defensa da saúde e a contorna fronte a especulación deste tipo de proxectos extractivos de curto horizonte temporal pero que poderían carrexar graves impactos socioambientais ao cabo do tempo.

(20.12.2014)