Saltar ao contido principal

O Partido Popular paga un alto prezo a nivel municipal polo seu apoio á mina de Corcoesto

O PP perde a maioría absoluta e moi probablemente o goberno nas localidades de Coristanco e Ponteceso e baixa un 20% deixándose dous concelleiros en Cabana de Bergantiños fronte ao ascenso do PSdG e a entrada en escena do BNG.

Panel electoral en Coristanco, Ponteceso e Cabana de Bergantiños (preme para ampliar)

Salvemos Cabana valora o resultado das eleccións municipais como un serio revés da cidadanía ás políticas levadas a cabo polo Partido Popular a nivel estatal e o apoio dos tres concellos implicados (Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso) ao proxecto mineiro de Corcoesto en particular, iniciativa que se caracterizou dende o principio por xerar unha problemática socioambiental inasumible.

Esta iniciativa prevía empregar durante un período duns oito anos, e dacordo cos datos proporcionados pola mineira canadense Edgewater Exploration, inmensas cantidades de reativos moi contaminantes, como 2.856 toneladas métricas de ácido clorhídrico, 6.384 de sosa cáustica ou 4.368 de cianuro, xerando uns inxentes volumes de refugallo, que superarían ao final do proxecto os 17 millóns de toneladas de residuos tóxicos e os 122 millóns de toneladas de entullos mineiros xeradores de drenaxe ácida, un dos problemas inherentes á minaría a gran escala.

Fronte a esta proposta extractiva, recolléronse máis de 24.000 firmas en contra e produciuse unha mobilización social sen precedentes na Comarca de Bergantiños en defensa da saúde e o medio ambiente e contra a megaminaría, que obtivo os seus froitos cando o Presidente da Xunta anunciou a cancelación do proxecto en outubro de 2013.

Agora é a cidadanía a que castigou nas urnas á clase política polo inxustificado apoio do PP de Coristanco e Ponteceso ao proxecto mineiro. Aínda que en Cabana de Bergantiños o PP mantén a maioría absoluta, faino cun notable descenso de sufraxios que abren o camiño para o futuro da rexeneración democrática da vida municipal.

A Plataforma seguirá vixiante, en calquera caso, fronte a calquera novo intento do alcalde José Muiño de relanzar este ou calquera outro proxecto que resulte prexudicial para a bisbarra, pois a elección política en absoluto é un cheque en branco que permita a actuación unilateral sen talante e diálogo cos veciños.

(25.5.2015)