O desastre ambiental perdura na zona mineira do Monte Neme sen visos de solución a curto prazo

A piques de cumprirse 41 meses da rotura dunha das balsas do complexo e a consecuente vertedura de máis de 24.000 m³ de auga e lodos que puido chegar a provocar un drama humano en varias parroquias coruñesas de Carballo e Malpica de Bergantiños, as antigas áreas de explotación de wolframio e áridos seguen supoñendo un perigo real ante a falta de vixilancia e medidas de seguridade e a desidia institucional por parte dos departamentos responsables da Xunta de Galicia.

Novo roubo no Monte Neme. Esta vez, os soportes metálicos dos avisos de perigo
O último episodio viviuse este verán tras o roubo dos soportes metálicos dos dous únicos carteis de perigo instalados pola Consellería de Industria e a desaparición dun deles, que se suma á onda de roubos vivida neste emprazamento cando aínda estaban presentes as instalacións mineiras da empresa Leitosa S.A.U., finalmente vendidas en poxa  pública co obxectivo de recadar fondos para facer fronte ao pago de acredores tras a quebra da mercantil, última concesionaria do enclave mineiro.

Dende entón, e co máis que cuestionable plan de restauración aprobado pola Xunta de Galicia, que para nada dá unha solución real á problemática ambiental derivada da explotación mineira do Monte Neme, as actuacións reducíronse unicamente á instalación dalgúns avisos pero sen o establecemento dun valado de seguridade nin vixilancia de ningún tipo, o que levou en 2016 á Plataforma Salvemos Cabana a presentar unha queixa ante o Defensor del Pueblo ante o evidente risco para a integridade das persoas, que en ocasións adéntranse de maneira imprudente nalgunhas zonas onde os taludes caen verticalmente decenas de metros.

UNHA RESTAURACIÓN QUE NON CHEGA

Ante esta lamentable situación, o que máis sorprende é que dende os responsables da Xunta de Galicia non haxa neste momento nin oficio nin beneficio, e que a estas alturas, o actual Director Xeral de Minas, Ángel Bernardo Tahoces, aínda non tomase as rendas da situación ordenando o establecemento de todas e cada unha das medidas de seguridade que serían preceptivas no complexo abandonado, tal e como marca a Lei 3/2008, de ordenación da minería de Galicia e sinala a normativa europea en vigor.

Así, a Directiva 2006/21/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, establece medidas, procedementos e orientacións para previr ou reducir na medida do posible os efectos adversos sobre o medio ambiente, a biodiversidade e os riscos para a saúde humana, sinalando de maneira taxativa que "é necesario que os Estados membros garantan  que as autoridades competentes organicen un sistema eficaz de inspeccións ou medidas de control equivalentes respecto das instalacións de residuos das industrias extractivas", algo que no Monte Neme nin se tivo en conta historicamente durante as súas distintas épocas de explotación, nin se está tendo en conta no medio da actual fase de abandono cunha pretendida e incompleta restauración que parece que vai camiño de ningures.

(8.7.2016)