Saltar ao contido principal

A aprobación ambiental do proxecto eólico Mouriños pon en dúbida a utilidade da normativa sobre a protección da natureza en Galicia

O documento publicado pola Dirección Xeral de Medio Ambiente e Cambio Climático non garante a integridade e pervivencia dos valores naturais da Serra do Gontón, unha das últimas paisaxes virxes da Costa da Morte.

Penedo do Medio, en el corazón de la Serra do Gontón

Salvemos Cabana lamenta profundamente que a Xunta recurrise a publicar a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto eólico Mouriños en metade do mes de agosto supoñendo que así vai atopar unha menor oposición social fronte a un proxecto que só aposta polo beneficio empresarial pero que supón unha carga inasumible para o futuro da Comarca de Bergantiños.

Lonxe diso, esta situación non fai máis que reavivar a protesta social fronte ao que está a suceder en Galicia con este este e outros proxectos similares de Naturgy coma o Pena Forcada-Catasol II, o que acaba poñendo en dúbida se a normativa sobre a protección da natureza en algunha utilidade en territorio galego.

O documento publicado pola Dirección Xeral de Medio Ambiente e Cambio Climático ignora por sistema a maioría das alegacións presentadas tanto por entidades como por decenas de particulares e só atende á eliminación dun dos aeroxeradores (o M1), algo sen dúbida posible grazas á información achegada ao Instituto de Estudos do Territorio (IET) sobre a vulnerabilidade da paisaxe que rodea ao coñecido como Pico de Sinde, no extremo norte da serra costeira.

FALTA DE GARANTÍAS NA PROTECCIÓN DUNHA ESPECIE EN PERIGO DE EXTINCIÓN

En canto á protección da biodiversidade, tanto a contorna poligonal como as infraestruturas do proxecto eólico atópanse dentro da área de distribución da subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L subsp.lusitanica Steinbacher), en perigo de extinción. Resulta lamentable que a Xunta dea por boas as afirmacións da empresa de que na área de implantación "non se atopan humidais ou hábitats apropiados para o desenvolvimento desta especie" cando debido á súa proximidade aos mesmos, a zona pode ser utilizada como corredor ecolóxico entre eles.

AFECCIÓN A AVES E QUIRÓPTEROS

Doutra banda, non se entende como a Dirección Xeral de Medio Ambiente e Cambio Climático pode dar luz verde a un proxecto cuxa empresa promotora indica que "resulta previsible un efecto acumulativo e sinérxico por colisión e efectos barreira sobre a avifauna e quirópteros", máis cando xa manifestara no seu Estudo de Impacto Ambiental (EIA)  que o elevado custo xustificaba a non instalación nos aeroxeradores de dispositivos automáticos que posibiliten o paro de emerxencia por colisión como radares ou sistemas de tipo DTBird. E todo, a escasa distancia dunha Important Bird Area (IBA) e nas inmediacións da Zona de Especial Protección para as Aves ( ZEPA) Costa da Morte Norte (ES0000176) e a ZEPA correspondente ao espazo mariño Costa da Morte (ES0000497) onde se estima, segundo os datos do Ministerio de Medio Ambiente, que máis dun millón de aves migratorias pasan durante o verán-outono durante a súa migración anual.

ACONDICIONAMENTO DO MIRADOIRO DA FERNANDIÑA Á BEIRA DUN AEROXERADOR CON ALTOS NIVEIS DE EMISIÓN SONORA

Como de "ciencia ficción" pode cualificarse o obxectivo que figura na Declaración de Impacto Ambiental aprobada pola Xunta do acondicionamento do miradoiro da Fernandiña a escasa distancia do aeroxerador M2, máis cando a promotora recoñeceu na documentación presenta a consultas durante o proceso de tramitación que "o nivel de potencia sonora dos aeroxeradores é aproximadamente de 110 decibeis", un nivel comparable ao da música dunha discoteca a todo volume. De feito, a partir dos 120 decibeis, o ouvido humano entra no limiar da dor e hai risco de xordeira. Hai que lembrar que aínda que a percepción diminúe coa distancia a proximidade entre o miradoiro da Fernandiña e o aeroxerador M2 imposibilitará unha observación tranquila da paisaxe cando este se atope en funcionamento.

VERGOÑENTA UTILIZACIÓN DA AXENCIA DE TURISMO DE GALICIA

Finalmente, hai que destacar a pretensión que figura no texto de realizar unha campaña de divulgación "de todos os valores naturais, culturais e patrimoniais da zona, así como as rutas turísticas, de senderismo e praias" a realizar "durante o primeiro ano de explotación do parque eólico" que se poderá levar a cabo "a través de vídeos promocionais, charlas, visitas guiadas, etc." e que "deberá mostrar tamén os beneficios da enerxía eólica", unha campaña que se realizará "en coordinación coa Axencia de Turismo de Galicia".

Neste punto resulta inaceptable que unha vez autorizada a desfiguración permanente dos montes da Serra do Gontón, a Xunta poida permitir a utilización dunha axencia pública, con recursos financiados pola cidadanía, para a realización dunha campaña de marketing a favor dos intereses particulares dunha corporación cuxo fin último é o beneficio empresarial e o engrosamento das contas de resultados dos seus accionistas.

(15.8.2018)