Saltar ao contido principal

A execución do parque eólico Mouriños reduce a entullos parte do cume da Serra do Gontón

Unha subcontrata de Naturgy detona con explosivos o sector sureste do monte costeiro de 380 metros de altura que lle dá o nome ao macizo e talla centenares de árbores nunha zona de piñeiral de alto valor ecolóxico na área de instalación dun dos aeroxeradores el proyecto.

Vista actual da zona dende o Penedo das Tres Marías (Monte Gontón)

Vista inicial da zona dende o Penedo das Tres Marías (Monte Gontón)
Aínda que a loita ecoloxista e as xestións levadas a cabo nos últimos anos en maior ou menor medida e a distintos niveis por parte de asociacións como Salvemos Cabana, Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), ADEGA, Petón do Lobo, Arco Iris -entre outras- ou partidos políticos como En Marea ou Equo deron os seus froitos ao conseguir a conservación da área do Pico de Sinde como primeiro cume desta serra costeira, a triste realidade é o resto deste singular espazo natural ten os días contados dado que as partes do macizo afectadas polo parque eólico modificáronse de maneira significativa e a restitución ao seu estado orixinal resulta sinxelamente imposible.

A loita ecoloxista conseguiu salvar do proxecto eólico o Pico de Sinde e a súa área arqueolóxica
Ante o desastre sementado na Serra do Gontón, permitido e impulsado desde o actual Executivo autonómico do PP logo de emitir unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable, cabe preguntarse para qué serve unha Consellería de Medio Ambiente que se mostra incapaz de protexer de maneira efectiva a natureza e a integridade do territorio e se este é o modelo que defende para Galicia o actual presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, no que lugares de alto valor paisaxístico transfórmanse por imposición en solo industrial utilizando a declaración de utilidade pública e as expropiacións forzosas a beneficio dos grandes intereses empresariais.

Estado orixinal do piñeiral no cume do Monte Gontón

Estado actual da zona dende o extremo do monte público

A URXENCIA DE DERROGAR A LEI 5/2017

Doutra banda, mentres siga activa a Lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia imposta polo rodete parlamentario do Partido Popular, e que na práctica impide que prospere calquera tipo de recurso legal, o parque eólico Mouriños será só o primeiro de moitos, dado que esta norma simplifica e acelera ao máximo os procedementos, contemplando a tramitación conxunta de diversas fases como a autorización administrativa previa, a de construción e o proxecto sectorial mentres o proceso de información pública pasa a ser meramente testemuñal, o que recorta os dereitos das poboacións afectadas e impide avaliar correctamente calquera tipo de proxecto industrial que pretenda instalarse no territorio.

De feito, no ámbito do sector eólico esta lei de implantación empresarial non contribuirá a fomentar un sector eólico máis eficiente e sustentable, senón unicamente a maximizar as contas de resultados das multinacionais da enerxía, nun contexto no que a cidadanía paga cada vez máis cara a electricidade a nivel doméstico, cuxa factura, segundo o último estudo da organización de consumidores Facua, aumentou un 77,5% no últimos quince anos.

(31.3.2019)