Saltar ao contido principal

O parque eólico Mouriños converte o sendeirismo nun deporte de risco na Serra do Gontón

Sinal de advertencia na contorna dun dos aeroxeradores do parque eólico
Naturgy advirte do perigo de caída de bloques de xeo na contorna dos aeroxeradores, o primeiro dos cales se atopa nas inmediacións do Pico da Fernandiña, cume deste macizo costeiro.

Salvemos Cabana considera que esta situación representa unha ameaza real para veciños e sendeiristas, limita claramente os usos do solo na Serra do Gontón e converte o tránsito en tempo frío polos montes de Borneiro nun auténtico deporte de risco.

Ademais, a avaría potencial das pas dos rotores pode provocar que esta ou algunhas das súas pezas cheguen a desprenderse, o que supón un risco para a seguridade pública, máis cando non se contemplou sobre o terreo unha distancia mínima de seguridade.

A isto hai que sumar que os aeroxeradores do parque eólico  Mouriños atópanse nos puntos elevados da serra e constitúen focos de atracción de descarga da electricidade estática atmosférica en tempo  tormentoso.

Doutra banda, chama a atención que a compañía sinalizase o acceso ao pico da  Fernandiña na área de influencia do primeiro aeroxerador, de 151 metros de altura máxima total  (fuste+pas), mentres avisa da caída potencial de bloques de xeo dende as alturas.

O xeo nos aeroxeradores pódese formar de diferentes maneiras dependendo das condicións meteorolóxicas e da velocidade de xiro das turbinas. Con todo, o aire húmido chegado do mar actúa como un factor determinante en tempo frío. Ademais, un estudo suízo realizado en 2004 atopou que os fragmentos de xeo en turbinas eólicas convencionais poden chegar a ter un radio de acción que pode alcanzar case o centenar de metros de distancia, co que o risco de accidente é algo real.

Alén da innegable afectación da paisaxe, Cabana de Bergantiños perde deste xeito na práctica un valioso recurso para o turismo verde e un dos roteiros de sendeirismo de referencia da Costa da Morte nunha paraxe agora convertida de facto en solo industrial e central eléctrica.

(6.10.2019)