Saltar ao contido principal

A Plataforma Salvemos Cabana supera as 21.000 firmas contra a mina de Corcoesto

Dende que a petición ao Presidente da Xunta foi lanzada a finais do pasado verán, as firmas contra o proxecto da canadense Edgewater na Costa da Morte multiplican por catro o número de habitantes de Cabana de Bergantiños.

Na misiva, accesible en www.ouroimpuro.multired.net, recordámoslle a Alberto Núñez Feijóo, que como actual responsable da administración do goberno galego, a súa obriga é protexer custe o que custe a saúde dos cidadáns, e que "sería un erro imperdoable" hipotecar o futuro de Galicia por un plan temporal a curto prazo que só remata por beneficiar a un reducido grupo de empresas transnacionais relacionadas co sector mineiro, pois o horizonte temporal de emprego é moi escaso e os custos sobre o medio e as persoas, absolutamente inasumibles.

O caso da mina de Corcoesto, en Cabana de Bergantiños, é especialmente sangrante, pois utilizará 1,49 toneladas métricas de cianuro a diario durante o proceso de lixiviación do mineral para recuperar o ouro, unha substancia que en contacto co medio ambiente se comporta como un dos máis potentes tóxicos, o que levou ao Parlamento Europeo a propoñer a súa prohibición, ao estar clasificado como un dos principais contaminantes e que pode ter "un impacto catastrófico e irreversible na saúde humana e o medio e, por ende, na diversidade biolóxica".

Recordamos que a empresa canadense Edgewager Exploration Ltd., a través da súa filial Mineira de Corcoesto S.L., carece dun seguro que cubra economicamente e de xeito integral os danos dun accidente a grande escala, o que vai dende unha posible fuga no transporte por estrada do cianuro, que terá obrigatoriamente que atravesar localidades con alto nivel de densidade poboacional, ata o desastre que provocaría a rotura da balsa mineira que contempla o proxecto, cuxos efectos, hoxe sabemos, serían moito peores que os provocados pola mina da compañía nórdica Boliden en Aznalcóllar en 1998, nas inmediacións do Parque Nacional de Doñana en Andalucía, fronte ao que ademais a empresa nunca chegou a afrontar as súas responsabilidades.

Consideramos fundamental insistir, por outra parte, en que a minaría a ceo aberto SI se considera unha actividade de risco noutras zonas do mundo, o que fixo que diferentes rexións de Estados Unidos, Canadá, Arxentina e Australia, e países como Alemaña (2002), República Checa (2000) e Turquía (1997) a prohibisen nos seus territorios polos graves efectos que van asociados a este tipo de actividade.

(28.1.2013)