Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana solidarízase coa veciñanza de Coristanco afectada pola mina de Corcoesto

Coristanco, coñecida pola excelente calidade do seu produto estrela, a pataca, podería ver gravemente afectada a súa comercialización en Galicia se a mina de Corcoesto é aprobada finalmente.

Dende Salvemos Cabana desexamos mostrar o noso respaldo incondicional aos veciños e veciñas das parroquias coristanquesas de Cereo e Valenza que o pasado día 18 de febreiro manifestaron rotundamente a súa oposición á iniciativa de Mineira de Corcoesto S.L. / Edgewater para a nosa bisbarra. Somos conscientes de que a aprobación definitiva do proxecto por parte da Xunta de Galicia, podería ter graves efectos sobre o ámbito comercial da que seguramente é a pataca máis nomeada de Galicia, a de Coristanco.

É coñecido que dende o concello veciño, non se prima non a cantidade, senón a calidade da produción, e que a pataca de Coristanco, que se encontra baixo a Indicación Xeográfica Protexida da Pataca de Galicia, concedeulle á propia localidade o recoñecemento da 'capital' deste produto en terras galegas.

E é que o nome deste pobo anexo á Costa da Morte está asociado dende hai anos ao cultivo da pataca. Este produto, que raramente falta en calquera prato tradicional, encontra na bisbarra de Bergantiños, e en particular nas terras de Coristanco, un dos seus mellores lugares de cultivo. A conxunción da climatoloxía húmida e temperada desta parte occidental de Galicia coas óptimas condicións dos seus chans explican as características inmellorables que esta zona reúne para o seu cultivo, o que derivou nunha multitudinaria festa de exaltación anual que se celebra dende o ano 1980.

Preocúpanos especialmente a contaminación de aire, augas e chans que pode traer a instalación dunha mina a ceo aberto de máis de 700 hectáreas de superficie a unha zona directamente afectada polo proxecto, pois dentro do municipio de Coristanco, a compañía canadense Edgewater prevee a instalación da entulleira e unha das balsas de residuos. Recordamos que os especialistas confirman que o po residual das cinco megadetonacións semanais que segundo figura no proxecto da empresa se realizarán na parroquia de Corcoesto, pode chegar a ter un radio de impacto de máis de 25 km., dispersando atmosféricamente partículas tóxicas integradas por nitratos do explosivo, outros elementos químicos prexudiciais, e metais pesados procedentes da fragmentación do leito rochoso.

Este efecto, sumado á potencial contaminación de acuíferos derivado das potenciais filtracións que tarde ou cedo e por efecto do tempo, acontecerán na mallas de protección das balsas -que non terán mantemento indefinido cando a empresa mineira finalice operacións-, e a calquera posible vertedura incontrolada por parte da empresa que afecte á fertilidade dos chans, fan que en realidade este proxecto, de carácter puramente especulativo e de curta duración, sexa a peor opción posible para o desenvolvemento coherente da bisbarra de Bergantiños, pois os teóricos 271 postos de traballo prometidos pola empresa, boa parte dos cales se realizarán a través de subcontratas e só durante a preparación do complexo nos dous primeiros anos, poden hipotecar o futuro do resto de actividades tradicionais que dende sempre mantiveron vivo o tecido social e familiar da nosa bisbarra.

Consideramos urxente a cuantificación de cantos postos de traballo poderían perderse no sector agropecuario, marisqueiro e turístico no caso de que durante a vida de operación do pretentido proxecto de Corcoesto ou en anos posteriores ao peche da instalación, se rexistren incidentes de seriedade, ante os que recordamos, a empresa Edgewater non foi obrigada a presentar unha garantía financeira suficiente de responsabilidade civil, que a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), entidade presidida por Serafín González, investigador do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), cuantificou entre uns 300 e 350 millóns de euros. Recordamos, por outra parte, que a propia Xunta de Galicia foi quen consultou a este recoñecido edafólogo antes de iniciar os trámites do proxecto.

(26.2.2013)