Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana considera que o apoio da USO á mina de Corcoesto é interesado e especulativo


A Unión Sindical Obreira, que ao igual que o ámbito da iniciativa mineira recibiu en 2011-2012 unha subvención pública multimillonaria superior aos 535.000 euros, terxiversa en beneficio da canadense Edgewater os datos relativos aos postos de traballo, minimizando os impactos ambientais e socioeconómicos que este proxecto pode carrexar, especialmente ao final da súa vida operativa.

Dende a Plataforma Salvemos Cabana consideramos como claramente interesado o apoio público que a Unión Sindical Obrera (USO) fixo patente esta semana en referencia ao proxecto mineiro de Corcoesto. Por unha parte, os postos de traballo aos que alude esta organización no seu comunicado (máis de 1000) son de carácter meramente especulativo, pois no proxecto unicamente figuran 271, 133 dos cales se farán a través de subcontratas e dunha duración que pode ser de meses e mesmo semanas nalgúns casos. Consideramos oportuno sinalar, que segundo se valoren as cifras achegadas a nivel local ou por fontes da propia Xunta de Galicia, xa se falou de +/-500, +/-700, +/-1400 e mesmo máis de 1800, cifras tan variables como disparatadas. Na mesma liña, a duración da explotación á que a USO alude, "próxima aos 20 anos", tampouco se corresponde cos datos recollidos no proxecto, que se refiren a uns 10 anos de desenvolvemento, polo que de novo este sindicato incorre nunha nova especulación que favorece claramente os intereses da empresa mineira.

O que si nos preocupa, e que para nada entra a valorar a Unión Sindical Obrera, é o número de postos de traballo que se poden poñer en perigo no sector primario da nosa bisbarra. Datos do Sindicato Labrego Galego (SLG), fálannos que máis de 1.000 explotacións agrogandeiras poderían poñer en perigo miles de postos de traballo, ao que habería que engadir as afectacións sobre a comunidade marisqueira, tan importante nesta zona da Costa da Morte. O "revulsivo" que a USO avanza, podería converterse nun auténtico desastre para os que viven e defenden a diario os labores tradicionais que dende sempre foron o sinal de identidade da nosa zona.

Asímismo, facéndolle o xogo á Consellería de Medio da Xunta de Galicia, a USO está a obviar claramente os negativos impactos ambientais que a eventual aprobación do proxecto mineiro podería traer á nosa bisbarra, as 100.000 toneladas de residuos tóxicos que se xerarán cada ano, o desastre potencial da rotura das balsas mineiras, ou os impactos sobre a saúde das persoas e o medio do procedemento mineiro a ceo aberto, que está cualificado como a actividade de carácter industrial con diferenza máis contaminante. Antes de repetir cegamente os postulados de Mineira de Corcoesto S.L. / Edgewater, quizais a Unión Sindical Obreral tería que valorar o porqué esta empresa canadense negouse a subscribir unha póliza de responsabilidade civil que dea cobertura económica integral para os efectos derivados dun accidente a grande escala.

Por outra banda, e ao igual que no caso do proxecto mineiro de Corcoesto, que recibiu 350.000 euros en subvencións publicas estatais nos últimos dous anos, consideramos verdadeiramente escandalosa a subvención de máis de 535.000 euros de diñeiro público recibida por USO no período 2011-2012 e publicada no BOE do 16 de agosto de 2012 e preguntámonos, cos datos na man, onde queda a independencia sindical nestas condicións. Non en van, os sindicatos naceron para defender aos traballadores e o interese xeral e social fronte aos abusos, non ás grandes corporacións do capital transnacional nin aos políticos que as apoian.

(23.3.2013)