Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana agradece a maioritaria e contundente oposición sindical ao proxecto mineiro de Corcoesto

Con motivo da Festa do Traballo, Primeiro de Maio, a plataforma social valora moi positivamente o compromiso e solidariedade demostrados polas principais organizacións sindicais no relativo á pretendida explotación que a transnacional canadense Edgewater pretende instalar entre os concellos de Cabana, Coristanco e Ponteceso.

Dende Salvemos Cabana, agradecemos a actuación responsable e solidaria dos sindicatos Comisións Obreiras, Confederación Intersindical Galega, Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores na defensa dos miles de postos de traballo que están asociados ao sector primario e turístico na nosa bisbarra.

En datas recentes, o Consello Nacional de Comisións Obreiras de Galicia aprobou por unanimidade unha declaración de repulsa ao proxecto mineiro, ao considerar "que son máis os riscos que os posibles beneficios", e que "Corcoesto podería converterse nun novo Aznalcóllar". Non plano laboral, ademais, sinalan que o proxecto mineiro refíerese a 271 empregos directos, dos que 133 serían a través de subcontratas, pero en ningún caso chega a indicarse a duración destes. Non obstante -remarcan-, en minas auríferas do resto do mundo o que se coñece é que "unha vez finaliza o período de desmonte do terreo e construción das infraestruturas, a mecanización e a chegada de man de obra especializada provoca un descenso dramático das contratacións, especialmente no ámbito local".

Pola súa banda, dende a Confederación Intersindical Galega (CIG) tamén se esixiu a inmediata paralización do proxecto, sinalando que "Edgewater pode facer a aposta especulativa que considere, pero a Xunta de Galicia non pode ser cómplice de permitir a evasión de grandes capitais, a destrución do noso ámbito natural e a merma da saúde das persoas, só para beneficio destes que provocaron que moitas familias xa non teñan nin para comer cada día".

Dende o mundo agrario tamén se manifestou unha rotunda oposición á mina de Corcoesto. O Sindicato Labrego Galego (SLG), considera que o proxecto supón "unha seria ameaza" para a pervivencia do sector primario na Bisbarra de Bergantiños, e que os 271 postos de traballo temporais que oferta a empresa, non xustifican "poñer en perigo miles de empregos relacionados cunha actividade permanente como a agrogandeira, clave da articulación económica e social de todo o territorio afectado". Na mesma liña, os dous sindicatos agrarios maioritarios, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores, sinalaron que as 1.452 explotacións agrarias de Bergantiños, que dan traballo a 2.714 persoas, veranse "gravemente afectadas" pola mina de Corcoesto, e que non poden sacrificarse os miles de postos de traballo actuais a cambio de 133 empregos directos durante un período de oito anos

Todo o que os principais sindicatos declararon publicamente, non fai máis que referendar a maioritaria oposición social que obtivo o proxecto de Edgewater dende a súa presentación, fronte ao que xa se reuniron máis de 22.500 firmas e a loita de numerosas organizacións sociais, políticas e ecoloxistas de toda Galicia.

(30.4.2013)