Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana solidarízase co sector agropecuario e marisqueiro afectado pola mina de Corcoesto

Ante as graves afectacións que a mina de Corcoesto podería carrexar aos sectores agrícola, gandeiro e marisqueiro o grupo quere mostrar o seu apoio e solidariedade cos produtores do sector primario que se manifestan na tractorada do domingo 7 de abril.

Consideramos que o declive dos labores tradicionais que podería derivarse da posta en marcha da mina de Corcoesto, podería provocar un efecto dominó no resto de sectores produtivos. Tan só valorando os datos achegados polos principais sindicatos do sector agrario, miles de postos de traballo, tantos directos como indirectos poderían estar en xogo, pois segundo os datos achegados por Unións Agrarias, máis de 2.700 empregos directos dependen desta ocupación tradicional. Ademais, tan só na Bisbarra de Bergantiños, as 1.452 explotacións agrarias facturan máis de 80 millóns de euros anuais, constituíndo un piar decisivo na economía local e provincial.

Renovamos unha vez máis a aposta pola produción biolóxica, de calidade e xeradora de emprego. Segundo os datos publicados pola propia Xunta de Galicia, a agricultura ecolóxica consolidou en 2012 o maior crecemento rexistrado nos últimos anos, multiplicando o seu volume de negocio por 39, ata alcanzar os 22 millóns de euros. Dende a propia administración autonómica sinalouse que este tipo de actividade "supón un valor engadido para as producións agroalimentarias, facilita o acceso a novas oportunidades de negocio e sinala o camiño a seguir", polo que non comprendemos porqué dende a Consellería de Industria, Enerxía e Minas estase a fomentar por oposición un proxecto como o da mina de Corcoesto que evidentemente é inviable, tanto social coma ambientalmente.

O futuro da Bisbarra de Bergantiños e a Costa da Morte, máxime en tempos de crise, está no medio rural, no seu fomento e no seu respecto. Por iso dende Salvemos Cabana o que queremos é facer unha reflexión dende abaixo, a nivel local, para comprender e dar a entender cales son as verdadeiras potencialidades de desenvolvemento, orientadas á sostibilidade, e non só a nivel agropecuario, senón noutros sectores como a conservación e xestión dos espazos naturais ou os servizos turísticos de calidade, o que a medio e curto prazo, permitiría a creación de postos de traballo estables e múltiples beneficios a nivel das comunidades implicadas.

(6.4.2013)