Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana pide á UE unha posición responsable e coherente sobre a mina de Corcoesto

Na presentación da proposta do novo programa de acción ambiental da EU ata 2020, baixo o título de "Vivir ben, vivir dentro dos límites do noso planeta", Janez Potocnik, actual Comisario Europeo de Medio Ambiente, afirma que se persegue "que Europa sexa un lugar onde a xente viva nun ámbito natural san e seguro, onde o progreso económico se basee nunha nunha economía verde e sostible coa que se logre a resiliencia ecolóxica co entorno".

Dende a Plataforma Salvemos Cabana, e tal como elevamos a instancias europeas esta semana, desexamos recordar ao Sr. Potocnik, que o proxecto mineiro de Corcoesto contradí a Resolución do Parlamento Europeo do 20 de abril de 2012 defendida dende o seu propio departamento, que considera que "a degradación ambiental -contaminación atmosférica, ruído, substancias químicas, mala calidade do algua e degradación de ecosistemas- é un factor importante no aumento das enfermidades crónicas" e que pide "un uso eficaz e sostible dos recursos" xa sexa enerxéticos ou non enerxéticos, "como a auga, os ecosistemas e a diversidade biolóxica".

Así mesmo, o citado texto, considera "que é preciso un enfoque global do medio ambiente e a saúde, que sitúe o principio de precaución e a prevención de riscos nun lugar central, e que tome en especial consideración aos colectivos vulnerables", e que a nivel europeo deberíase prever "a aplicación plena da lexislación en materia de residuos", sempre garantindo "a coherencia con outras políticas da UE", incluídas as de carácter ambiental.

Recordamos que a mencionada Resolución pide aos estados membros "que velen por unha aplicación plena e adecuada da lexislación da UE en materia de medio ambiente, así como das políticas e estratexias adoptadas, e que garantan unha capacidade e financiamento axeitados para a súa plena aplicación mesmo en épocas de austeridade, posto que a falta de aplicación ou a aplicación incompleta da lexislación ambiental da UE non só é ilegal, senón que a longo prazo resulta tamén moito máis custosa para a sociedade".

Por todo iso, consideramos, tal como lle fixemos saber, que o Sr. Potocnik debería valorar se un proxecto mineiro como o que a empresa canadense Edgewater pretende instalar a ceo aberto na Bisbarra de Bergantiños, que empregará anualmente 546.000 kg de cianuro de sodio, 798.000 de sosa caústica ou 357.000 de ácido clorhídrico, xerando segundo proxecto un total de máis de 17 de millóns de toneladas métricas de residuos tóxicos ao final da súa vida útil e que afectará moi negativamente ao sector primario do cal depende a nosa zona é o ideal de "sostibilidade" que persegue a UE para o desenvolvemento dos seus estados membros, máis cando para efectuar o proceso de lixiviación será necesario empregar 1.100.000 litros de auga potable por día, desviarase completamente un curso fluvial como o do río Lourido, e que en caso de accidente por rotura das balsas mineiras con vertedura total ao esteiro do Anllóns podería ocasionar un desastre ecolóxico sen precedentes en Galicia só comparable aos acontecidos en Aznalcóllar (Andalucía, 1998), ou en Baia Mare (Romanía, 2000), no que máis de 100.000 metros cúbicos de auga cianurada foron vertidos ao Danubio con fatais consecuencias a nivel medioambiental, e que derivaría posteriormente na Resolución de 5 de maio de 2010 do Parlamento Europeo, sobre a prohibición do uso das tecnoloxías mineiras a base de cianuro na Unión Europea recomendando aos estados que "non presten apoio, de forma directa ou indirecta a ningún proxecto mineiro na UE no que se empreguen tecnoloxías mineiras a base de cianuro", nin "avalen proxectos desas características en terceiros países".

(8.5.2013)