Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana denuncia a dobre moral do Concello de Coristanco con respecto ao proxecto mineiro de Corcoesto

Mentres Antonio Pensado, alcalde de Coristanco, mostrábase oposto ao proxecto o 26 de maio en Cadena Ser, o seu tenente de alcalde, Juan García Velo, ve a mina como algo plenamente favorable nun escrito remitido aos eurodeputados o pasado martes 4 de xuño no que se destaca "o apoio" dos principais representantes políticos da zona á iniciativa de Edgewater.

"Tal como está ou proxecto non podo dicir que sexa positivo". Esas foron as palabras que Antonio Pensado Plágaro, alcalde de Coristanco, pronunciou en directo a finais de maio no espazo radiofónico 'El Coruñés Opina' de Radio Coruña Cadena Ser para afirmar que tal como estaba formulado o proxecto mineiro de Corcoesto non era algo interesante para o seu concello polas afectacións sobre as parroquias de Cereo e Valenza, centradas na produción agrícola de calidade.

Para a nosa sorpresa, dende Salvemos Cabana vimos de coñecer o escrito remitido pola asociación 'Corcoesto Sí. Mina Si' a todos os eurodeputados españois no que Juan García Velo, Tenente de Alcalde de Coristanco, asina en representación do concello apoiando os plans de Mineira de Corcoesto S.L. / Edgewater, e na que textualmente afírmase que "creemos que es importante también destacar el apoyo de nuestros principales representantes políticos en los ayuntamientos afectados por el proyecto", incluíndose ademais as rúbricas dos alcaldes de Cabana de Bergantiños e Ponteceso.

Por outra parte, cónstanos que o Concello de Coristanco, a través de Monteoliva Arquitectura, empresa encargada da redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal do concello, presentou alegacións ao novo permiso de exploración e investigación mineira 'Julia-2', aducindo que implica "unhas graves afectacións de tipo ecolóxico, económico, humano, social e territorial" pola proximidade das vivendas afectadas polas 21 cuadrículas mineiras que se contemplan, que nos casos máis próximos están "entre os 49 e 356 metros".

É evidente que este comportamento deixa en evidencia a dobre moral coa que está a actuar o equipo de goberno de Coristanco, en especial dende a propia alcaldía. Por unha parte, intentando acalar as críticas facendo ver aos veciños das parroquias afectadas que se está a loitar contra o proxecto mineiro. Por outra, apoiando abertamente e sen reparos a iniciativa nas máis altas instancias a nivel europeo para que este sexa aprobado.

Finalmente, consideramos que actitudes como esta, de facer unha cousa e xustamente a contraria, confundindo á cidadanía e beneficiando en definitiva a unha empresa que defende un plan de imprevisibles consecuencias para a Comarca de Bergantiños, han de ter un claro reflexo nas urnas, porque os cargos públicos débense aos seus representados, e non hai peor descrédito que terxiversar a vontade popular a prol dun proxecto a todas luces insostible.

(10.6.2013)