Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana enviará ao Consello de Europa en setembro unha proposta de resolución sobre a mina de Corcoesto


21 membros desta organización internacional xa participaron a principios de xullo na elaboración dun texto de condena contra este tipo de proxectos, ao consideralos "un perigo para os dereitos humanos, o estado de dereito e a integridade ecolóxica".

A Plataforma Salvemos Cabana presentará en setembro un borrador de proposta complementario ao elaborado este mes por diversos membros da asemblea parlamentaria do Consello, que xa tratou en anteriores ocasións sobre os graves problemas causados pola minaría do ouro noutros países como Grecia, Romanía e Turquía.

O pasado 5 de xullo, representantes de 12 países definiron por escrito que a extracción de ouro por cianuración "é extremadamente prexudicial para o medio ambiente e as persoas", e mesmo que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos ditaminou en varias ocasións "que a contaminación derivada da minaría do ouro pode entrar no ámbito de aplicación do artigo 8 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos".

Por outra parte, o texto sinala con claridade que "a minaría do ouro implica a destrución das paisaxes e a contaminación da terra e da xente", e regularmente está asociada a "demandas de corrupción e violacións da lexislación nacional e internacional".

É por iso que os participantes consideran que a Asemblea do Consello de Europa "debe apoiar os debates sobre os proxectos de extracción de ouro", pois hai que valorar o interese "polos ingresos a curto prazo" en relación "coa destrución irremediable das paisaxes naturais e o patrimonio arqueolóxico, o envelenamento das persoas e a natureza e os custos a longo prazo, incluíndo os efectos negativos na agricultura e o turismo".

Neste sentido, a Plataforma enviará unha proposta de ampliación específica que faga referencia a proxectos a ceo aberto como o da mina de Corcoesto, situado nas inmediacións de diversas áreas protexidas a nivel europeo, e cuias consecuencias en caso de accidente a gran escala pola rotura das balsas mineiras poderían ser imprevisibles para a Costa da Morte coruñesa, só comparables aos efectos derivados do desastre do 'Prestige' no ano 2002.

Dende Salvemos Cabana, consideramos que a crise que atravesa o país non pode nin debe servir de escusa para proxectos como o que Mineira de Corcoesto S.L. / Edgewater pretende instalar na Bisbarra de Bergantiños, pois a contaminación de aire, auga e solos derivados da minaría de ouro a ceo aberto con tecnoloxías de lixiviación por cianuro de sodio, será perdurable e pode ter graves consecuencias a nivel ambiental e social.

(30.7.2013)