Saltar ao contido principal

A fragmentación do proxecto mineiro de Corcoesto invalida o procedimento de impacto ambiental autorizado pola Xunta


Salvemos Cabana considera que Mineira de Corcoesto S.L. / Edgewater aproveita unha 'fisura legal' existente en Galicia que non sería posible no país de orixe da compañía, pois dende xaneiro de 2010, a Corte Suprema de Xustiza de Canadá determinou que os grandes proxectos mineiros están obrigados a unha avaliación de impacto integral e non fragmentada para evitar a ocultación premeditada dos impactos ambientais derivados da megaminaría a ceo aberto.

Este feito púxose xa de manifesto en datas recentes ao coñecerse a documentación achegada pola mineira para a tramitación da ampliación das tarefas prospectivas na Bisbarra de Bergantiños ao afirmar Edgewater que "ten o obxectivo prioritario a obtención dos dereitos mineiros dispoñibles, tanto arredor do proxecto Corcoesto como noutras zonas arredor do cinto aurífero de Malpica-Tui" dado que "neste sentido os posibles depósitos pequenos pero de tamaño razoable para unha explotación mineira que se encontrasen poderían ser economicamente rendibles xa que non sería necesario considerar a construción dunha planta de tratamento no estudo de viabilidade" ao poder beneficiarse dunha planta de tratamento "xa en funcionamento e próxima", o que está en relación directa coas 18 solicitudes de exploración e investigación que a empresa solicitou en diversas zonas de Galicia, segundo consta no censo catastral da Cámara Oficial Mineira.

Dende Salvemos Cabana, vimos alertando de que a planta de cianuración que pretende autorizarse para o proxecto mineiro de Corcoesto podería chegar a converterse nunha instalación central para a recuperación do mineral aurífero de toda Galicia, multiplicando de xeito significativo o volume de residuos tóxicos a xestionar así como o consumo de reactivos, entre os que se encontra o cianuro de sodio, que será de 546 toneladas anuais a empregar só durante o proceso de lixiviación do denominado 'Grupo Mineiro Corcoesto'.

Tales incrementos non foron considerados en ningún caso durante o proceso de Avaliación de Impacto Ambiental nin reflectidos na Declaración de Impacto Ambiental (DIA) aprobada pola Consellería de Medio Ambiente a finais de 2012, polo que mediante este procedemento de 'fragmentación' e 'cuarteado' do proxecto, a empresa sae claramente beneficiada na súa procura de rendibilidade financeira en prexuízo dunha correcta avaliación dos efectos que poderían ter os plans de Edgewater sobre as persoas e o medio ambiente das bisbarras afectadas, o que en definitiva é unha premisa básica en calquera tipo de explotación industrial deste rango.

Por iso e ante tales feitos, o razoable sería a inmediata anulación da DIA por parte da Xunta e o sometemento a un novo proceso de avaliación ambiental non fragmentado, máis cando se está a permitir en Galicia unha opción non contemplada legalmente polas propias autoridades canadenses.

(20.8.2013)