Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana demanda un cambio profundo na Lei de Minas para evitar proxectos coma o da mina de Corcoesto

A Plataforma considera que a Lei 3/2008 de ordenación da minaría de Galicia, aprobada na época do bipartito, adoece de importantes defectos de forma e numerosas incongruencias que foron aproveitadas dende a administración autonómica do PP para favorecer a súa liña ideolóxica e proxectos afíns a nivel empresarial.

En orixe, a Lei de Minas de Galicia naceu coa finalidade de "dispoñer dun marco coherente e actualizado" ante unha norma preconstitucional como a Lei de minas de 1973, ao desenvolver unha lexislación propia que permitise adaptar o sector mineiro "ás singularidades territoriais, ambientais ou de estrutura da propiedade de Galicia", establecendo un marco normativo "claro e coordinado".

Non obstante a norma, aínda que recoñece no seu Título I a importante afección desta actividade sobre solos, auga e aire, tal como está redactada parte dunha premisa básicamente errónea que é o concepto de "sostibilidade" da minaría, actividade en definitiva que non é nin pode ser "sostible" en canto a explotación do recurso supón o seu esgotamento a través duns impactos ambientais, que por exemplo no caso da minaría a ceo aberto imposibilitan a restitución plena das condicións orixinais do territorio afectado, sendo tan só posible a adopción de medidas paliativas.

Por outra parte un apartado esencial pola súa relevancia, que é a creación dun organismo colexiado de participación, consulta e asesoramento da Administración, o Consello da Minaría de Galicia, ao que se refire o Título II e no que deberían de estar integrados representantes de todos os sectores implicados no proceso, foi obviado reiteradamente polo Goberno da Xunta, impedindo así o control dos axentes sociais sobre proxectos mineiros como o de Corcoesto.

Sen embargo, é especialmente preocupante o acontecido co desenvolvemento do Título III da Lei, que establece o Plan Sectorial de Actividades Extractivas como máximo instrumento de planificación da política mineira en Galicia, sendo contemplado como de incidencia supramunicipal e insistindo erroneamente no concepto de "minaría sostible", prevalecendo sobre calquera tipo de plan urbanístico e acelerando ao máximo a tramitación administrativa dos expedientes mineiros sen entrar a valorar outros parámetros esenciais, pois tal como foi deseñado polo actual Goberno autonómico do PP, o Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia imposibilita a compatibilidade do aproveitamento dos recursos mineiros coa protección do medio natural, o patrimonio cultural e o desenvolvemento da actividade agraria, ao primar este sobre calquera outra normativa.

Finalmente, é necesario facer referencia ao Artigo 33, integrado no Título IV, segundo o cal "o titular de calquera dereito mineiro deberá subscribir un seguro de responsabilidade civil a contar dende a notificación da resolución de outorgamento para facer fronte aos danos que poidan causar ás persoas, os animais, os bens ou o medio ambiente". En referencia a isto, sería lóxica a necesidade obrigatoria de integrar no proxecto mineiro os custos e coberturas da devandita póliza para a súa valoración administrativa pero nunca a posteriori, máis cando por exemplo no caso do proxecto de Corcoesto, Edgewater demostrou ter recursos propios notablemente inferiores ao investimento anunciado, o que obrigou a Xunta de Galicia a esixir que a filial da mineira canadense en Galicia multiplique por 60 os fondos propios ante a súa situación, na práctica, de real insolvencia financeira.

Por todo iso, dende Salvemos Cabana demandamos cambios significativos na Lei de Minas de Galicia co fin de evitar novos conflitos mineiros xerados por proxectos de carácter irracional como o de Corcoesto, na que sexa de maior rango o respecto ao medio ambiente e aos usos tradicionais do territorio, e que abandone definitivamente o termo de "minaría sostible" para falar de "minaría razoable" no aproveitamento dos recursos do subsolo.

(25.8.2013)