Saltar ao contido principal

Edgewater non poderá reclamar en Europa compensación por danos patrimoniais tras a negativa da Xunta a Corcoesto

A Comisaria Europea de Comercio Exterior, Cecilia Malmström, confirma que a transnacional canadense non pode invocar o Acordo Económico e Comercial Global (CETA, polas súas siglas en inglés) para impugnar a decisión do Executivo galego, que cancelou a proposta mineira por motivos técnicos e económicos.

Antigo cartel de exploración mineira na parroquia de Corcoesto

A resposta foi en referencia á pregunta efectuada pola eurodeputada Lidia Senra (GUE/NGL) o pasado outubro sobre o dereito a indemnización da mineira por parte das autoridades galegas e verifica a consulta efectuada en setembro por Salvemos Cabana a instancias europeas sobre o mesmo particular, resolvendo que ningunha empresa canadense pode actualmente invocar o CETA nin presentar reclamacións por danos patrimoniais, dado que este aínda se encontra en fase de negociación.

"En calquera caso -sinala Malmström-, os acordos de libre comercio, incluído o AECG, non modifican o dereito dos Estados membros a perseguir os seus obxectivos lexítimos de política pública, incluída a fixación de normas de protección ambiental. O AECG deixa claro que a UE e Canadá manteñen o seu dereito a lexislar para alcanzar obxectivos lexítimos en materias como a saúde pública, a seguridade, o medio ambiente, a moral pública e a promoción e protección da diversidade cultural. Isto significa que un investidor non pode recibir unha compensación por lucro cesante, perda de beneficios ou custos sufridos".

A CANCELACIÓN DO PROXECTO FOI FROITO DO INCUMPRIMENTO

Cabe recordar, en calquera caso, que a anulación do proxecto por parte da Xunta de Galicia foi froito do incumprimento, pois a mineira non lograra reunir o 25% de fondos propios de capital e reservas esixidos sobre o total do investimento do proxecto, cuantificado en máis de 100 millóns de dólares, e que esixía multiplicar por sesenta o status económico da empresa, polo que non cabe recurso ningún ao tratarse dunha decisión definitiva e irrevogable por parte do Executivo autonómico.

Dende a Plataforma xa se alertara dende o principio, á vista dos feitos e tras examinar detidamente os plans de Edgewater en Corcoesto, do fin meramente especulativo da proposta, cuxo maior obxectivo era o beneficio dun pequeno grupo de investidores internacionais pero que podería carrexar unha serie de impactos totalmente inasumibles para a Comarca de Bergantiños pola insostibilidade ambiental e social do proxecto.

(11.1.2015)