Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana considera necesario que a Dirección Xeral de Patrimonio asuma a titularidade do Dolmen de Dombate

A Plataforma, como colectivo de defensa sociocultural ademáis de ambiental, valora de maneira moi positiva a proposta de AGE no Parlamento galego ante a situación que vén experimentando o centro arqueolóxico nos últimos anos e á vista das pouco afortunadas intervencións nas súas tarefas de xestión, o que levou a que un monumento que debería ser de referencia ven de converterse nun lugar utilizado a beneficio do poder de quenda.

Dolmen de Dombate

O DOLMEN DE DOMBATE NON SE CONSERVOU COMO DEBERÍA

Do mesmo xeito que AGE, Salvemos Cabana considera que hai evidencias máis que suficientes para certificar que os convenios que establece a Deputación da Coruña co Concello de Cabana de Bergantiños non son os máis axeitados e que dende a adquisición dos terreos do Dolmen na década de 1970, a actuación do organismo provincial non se acompañou das necesarias medidas para a protección do ben cultural.

De feito, as máis de dúas décadas de conflitos entre administracións e abandono na práctica por parte da Deputación, derivaron na desaparición dunha das principais características do enclave arqueolóxico, que eran as pegadas dun pequeno dolmen de época anterior ao visitable, actualmente denominado o "Dombate Antigo", e que, tras unha sucesión de inundacións e medidas de protección inadecuadas remataron por desaparecer na súa totalidade.

A DEPUTACIÓN CORUÑESA NON SE ATOPA EN CONDICIÓNS DE PROTEXER ADECUADAMENTE UN PATRIMONIO COMO DOMBATE

Alén do descontrol que viviu o monumento, convén lembrar que o actual Presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso (PSdG), foi imputado por presunta prevaricación por parte da Fiscalía xerando un escándalo sen precedentes pois nin sequera chegou a plantexarse dimitir do seu cargo, e que, doutra banda, Xesús Soto, deputado provincial do BNG, actuou de maneira máis que cuestionable como responsable político de área de Patrimonio da institución coruñesa renovando o convenio de colaboración co Concello de Cabana de Bergantiños tras anunciar xusto o contrario e non tendo en conta os informes técnicos negativos do servizo de arquitectura do organismo, permitindo igualmente un plan dispar de actividades con pouco ou nulo control que derivou en que, en datas recentes e no marco do denominado "I Congreso Internacional de Escritores Río Anllóns e Dolmen de Dombate", nomeárase como director ao polémico editor Basilio Rodríguez Cañada, suspendido polo Pen Internacional polo seu labor á fronte do Pen Club España acusado de utilizar a entidade "para o seu propio beneficio".

A DIRECCIÓN XERAL DE PATRIMONIO DEBE ATALLAR O PROBLEMA

Polo anteriormente descrito, Salvemos Cabana considera que a protección efectiva de Dolmen de Dombate só será posible se a administración autonómica se fai cargo da súa xestión e establece un control permanente a fin de reducir o risco de deterioración e de promover a súa conservación alén de intereses particulares que nada achegan a un enclave arqueolóxico que é patrimonio de todos.

(27.3.2016)