Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana considera lamentable que José Muiño (PP) utilice os recursos públicos do concello para personar ao consistorio na causa xudicial sobre a mina de Corcoesto

A actitude do alcalde de Cabana supón unha falta de respecto ás vítimas do conflito, a aqueles veciños e veciñas que puideron perder as súas terras nas zonas afectadas polo proxecto mineiro e aos miles de persoas que loitaron dentro e fóra da Comarca de Bergantiños por parar unha explotación que supoñería un risco ambiental inasumible en caso de accidente.

Protesta de agricultores contra a mina de Corcoesto

Salvemos Cabana considera inmoral que o alcalde de Cabana poida estar a actuar contra os intereses xerais de Galicia nunha demanda na que a poboación galega tería que asumir os 20 millóns de euros que esixe Mineira de Corcoesto S.L. / Edgewater á Xunta, hipotética situación da que o Concello de Cabana obtería o seu particular "beneficio".

NON SE DEBE XOGAR COA DOR ALLEA


En declaracións a medios locais, o rexedor afirma que decidiu personar ao Concello de Cabana "por se cae algunha indemnización" polos presuntos "erros" da Xunta cara á empresa, esquecendo que el foi, precisamente, o principal impulsor do proxecto mineiro dende instancias municipais, chegando a incluír a proposta no seu programa electoral de 2011.

Á vista das cifras, o rexeitamento ao proxecto foi maioritario desde os seus inicios porque a mina de ouro a ceo aberto de Corcoesto prevía, nun tempo real de explotación duns oito anos, uns desmesurados consumos anuais de reactivos de 546.000 kg. de cianuro de sodio, 798.000 de sosa cáustica e 357.000 de ácido clorhídrico, que deixarían un "legado" de 17 millóns de toneladas de residuos tóxicos concentrados nunha zona de alto valor paisaxístico e ambiental.

NON TODO VALE EN POLÍTICA

José Muiño parece esquecer que gobernar é algo máis que facer política de casino para cadrar as contas, e considerando todas as variables que rodean o caso, só se pode reprobar a actuación do rexedor e esixir a saída do Concello de Cabana do procedemento xudicial ante o elevado custo de avogados, procuradores e taxas que terán que ser sufragados cos impostos do contribuínte.

(11.4.2016)