Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana pide ao Defensor del Pueblo que inste á Xunta de Galicia a actuar de maneira inmediata e transparente no Monte Neme

27 meses despois do desastre provocado pola rotura dunha das maiores balsas do complexo megamineiro, que orixinou unha vertedura de 24.000 m³ de auga e lodos sobre as parroquias de Aviño (Malpica de Bergantiños) e Razo da Costa (Carballo), a situación permanece sen solventarse entre a aparente pasividade da Consellería de Economía e Industria, mentres que dende a Consellería de Medio Ambiente apélase con cinismo ao concepto de "minería sostible" e a utilización das "mellores técnicas dispoñibles" na realización das actividades extractivas nun acordo asinado coa Cámara Oficial Mineira.

Dúas das balsas do complexo mineiro abandonado do Monte Neme

Hai que lembrar que a falta de control sobre as actividades dunha empresa (Leitosa S.A.U.), que mesmo chegou a recibir 60.000 euros en subvencións públicas relacionadas co medio ambiente, derivou nun custo para o contribuínte de máis de 140.000 euros, que de momento tivo que ser abonado polos concellos afectados, ao que hai que sumar os 794.000 estimados para o plan de restauración do terreo aprobado pola Xunta e que non termina de levarse a cabo ante a negativa da aseguradora a realizar a compensación de gastos.

Mentres tanto, a situación de perigo permanece pois desde o 2014, as únicas actuacións foron a poxa pública para ferralla de distintos elementos da antiga explotación e a instalación de dous carteis de advertencia nun dos extremos do complexo, que é atravesado por unha pista de uso público. Con todo, en ningún momento ven de protexerxe nen vixilarse o perímetro e existe un claro risco de accidente pois as cembas de varias das sete balsas mineiras activas actualmente caen a pico decenas de metros.

Doutra banda, a única solución establecida pola Xunta no punto de rotura da balsa onde se produxo o accidente o pasado 10 de febreiro de 2014, foi o apilamiento de terras e a instalación de tubos de drenaxe que verten o exceso de líquido monte abaixo para evitar que esta rebente de novo. Sen embargo, non se informou a nivel público, como sería procedente, da composición exacta da vertedura, da que se descoñece o seu grao de toxicidade.

Por todo iso, desde a Asociación Salvemos Cabana pediuse á Oficina do Defensor do Pobo a apertura dunha investigación sobre o caso e que se inste á Administración galega a actuar de inmediato no proceso de restauración, procedendo pola vía urxente a garantir as medidas de seguridade en todo o complexo ante o risco de accidente e facendo público de igual maneira o resultado das análises das augas de vertedura para descartar calquera posible afección á saúde humana e os ecosistemas.

UN CLARO INCUMPRIMENTO DA LEXISLACIÓN

Tendo en conta todos os factores no seu contexto, a realidade é que no Monte Neme incumpriuse a lexislación que sería aplicable, pois a Lei 3/2008, de Ordenación da Minería de Galicia, estipula que corresponde á Xunta verificar o cumprimento da normativa en calquera tipo de actividade mineira (art. 46) e que os funcionarios establecidos para tal fin poderán practicar "todas as dilixencias e requirir a información e documentación necesarias para comprobar que se cumpren as disposicións legais e regulamentarias" (art.47).

Así mesmo, recóllese nos capítulos II e III un réxime sancionador que establece competencias, procedementos e no seu caso, toma de "cantas medidas cautelares resulten necesarias" pola vía de urxencia (art.53), o que inclúe tanto medidas de seguridade ou control "que impidan a continuidade na produción do dano".

Na mesma liña, a Directiva 2004/35/CE, de Responsabilidade Ambiental, establece un marco de actuación co fin de previr e reparar os danos causados aos hábitats naturais, a biodiversidade e os recursos hídricos que tamén supoñan un risco importante para a saúde humana.

Por último, o denominado Principio de Cautela ou de Precaución, mencionado no artigo 191 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea, é un dos piares reitores da actuación política na UE e pretende garantir un nivel de protección do medio ambiente, a saúde humana e a biodiversidade con tomas de decisión preventivas en caso de risco o que, deacuerdo á situación existente a día de hoxe no Monte Neme, parece non ser tido en conta pola actual Administración galega.

A SITUACIÓN ACTUAL DO MONTE NEME, UNHA MOSTRA DO QUE SUPÓN A MEGAMINERÍA PARA O TERRITORIO

A situación pasada e presente do Monte Neme, en definitiva, serve de exemplo para comprender como a minería de gran porte ou megaminería é unha lamentable realidade tamén en Galicia, pois sen o control público debido, a actividade extractiva a gran escala é unha actividade insostible, en absoluto respectuosa co medio ambiente e que converte as zonas afectadas nun deserto no que dificilmente poderán chegar a desenvolverse durante moito tempo outro tipo de actividades produtivas tradicionais como a agricultura ou a gandería. Por iso é necesaria unha reforma e actualización urxente da lexislación do sector que elimine dunha vez por todas os conceptos de "utilidade pública" e "interese social" da actividade mineira, que en gran parte de ocasións responde unicamente o interese privado de determinados particulares e empresas.

Neste contexto resulta difícil entender o convenio asinado o pasado xaneiro entre a Consellería de Medio Ambiente e a Cámara Oficial Mineira de Galicia, que fai referencia aos tan manidos conceptos de "compatibilidade ambiental" e "integración territorial" das actividades extractivas onde calquera desmán das empresas mineiras pode ser presuntamente amparado polas denominadas "medidas correctoras e compensatorias" en aras dunha "minería sostible" baixo o paraugas das "mellores técnicas dispoñibles" mentres auténticos desastres ambientais en toda regra como o do Monte Neme, a mina de Touro ou as louseiras da Comarca de Valdeorras seguen presentes de maneira inxustificada no día a día da poboación galega.

(28.5.2016)