Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana considera totalmente inapropiado a organización dun concurso de cantería no Dolmen de Dombate

A Plataforma valora negativamente que a Deputación coruñesa permitira a organización dun concurso de cantería a carón do recinco arqueolóxico, unha actividade que estaría fóra de contexto e dubidosamente sería autorizada en calquera instalación destas características a nivel europeo.

Percebe xigante de cantería situado á entrada do Dolmen de Dombate

Doutra banda, Jose María Varela, asesor de Cultural do Partido Popular de Cabana decidiu novamente vestir de "internacional" esta actividade, tinguila de "neolítica" coa inclusión dun taller específico para tentar acalar críticas e convocar unha nova entrega de premios que se suman aos xa inventados polo Concello de Cabana en decembro pasado no megalito. O certo é que cando se ven en circunstancias semellantes comportamentos desta índole, que ao seu modo tamén "masifican" os monumentos, resulta difícil non plantexarse si se trata dunha mostra de megalomanía ou dun interese real polo mundo da cultura.

DO PASEO MARÍTIMO AO DOLMEN DE DOMBATE

A día de hoxe e por desgraza, o "I Certame Internacional Dolmen de Dombate" reincide nos mesmos defectos xa criticados na instalación, pois non todo vale nun centro arqueoloxico das características de Dombate.

En 2014, o concurso, por aquel entón denominado como "Vento de Pedra", celebrouse no paseo marítimo de Cabana, sen dúbida o lugar máis axeitado para unha actividade destas características, tanto na súa fase de execución como para a exposición das obras.

En 2015, co seu traslado ao Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate, co ánimo tanto do alcalde José Muiño como do seu asesor de cultura de facerse co control da instalación a calquera prezo, o contexto pasou de ser apropiado a transformarse en falaz, algo totalmente inadecuado para un centro arqueolóxico que debería de ser de primeira orde. Así, os días 20 e 21 de marzo, "Vento de Pedra" transformouse na "Winter Master Class", un simposio sobre cantería no que buscaba abordarse "o pasado e futuro da pedra en Galicia, así como as súas potencialidades artesanais e empresariais", sen dúbida un título moi apropiado para unha actividade en calquera escola de artes e oficios, pero non para o monumento máis representativo da prehistoria galega.

UN NOVO SINSENTIDO 

De maneira paralela, as pezas inicialmente expostas no Paseo Marítimo de Cabana de Bergantiños foron trasladadas ao centro arqueolóxico, servindo de entrada ao edificio que dentro do recinto alberga o propio megalito.

Como peza de presentación colocouse un percebe de cantería de aspecto fálico e de grandes dimensións, algo que acompañou ata datas recentes a visita que calquera persoa puidese realizar ao monumento, e que está completamente fóra de lugar nun monumento como Dombate.

URXE UN CAMBIO NA TITULARIDADE DO MEGALITO

Estes e outros factores sufridos en 2016, como a penosa renovación do convenio de xestión entre a Deputación coruñesa e o Concello cabanés a pesar dos informes técnicos negativos emitidos polo Servizo de Arquitectura e Patrimonio da entidade ou a azarosa organización dun congreso "internacional" de escritores de cuxa dirección se encargou un individuo suspendido do prestixioso Pen Club International pola súa xestión á fronte do Pen Club España, fai ver que a Deputación da Coruña e os seus responsables das áreas de Patrimonio e Cultura -respectivamente os representantes provinciais do BNG Xesús Soto e Xosé Regueira- é posible que non sexan as persoas máis axeitadas para controlar desde o ente provincial os labores de protección do Dolmen de Dombate.

Por iso, e tal como pedía a Proposición Non de Lei presentada o pasado 6 de xullo no Parlamento de Galicia, "un Ben de Interese Cultural de incomparable beleza patrimonial como é o Dolmen de Dombate debe pertencer á Xunta de Galicia quen, a través da súa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, debe encargarse de salvagardar, protexer e velar pola integridade do patrimonio cultural galego" grazas a "unha xestión plenamente pública orientada a preservar e dar a coñecer, de forma ordenada e equilibrada, este Ben de Interese Cultural para o goce de toda a ciudanía" integrando equipos profesionais e non permitindo a utilización interesada e a realización de actividades que descontextualicen o verdadeiro carácter arqueolóxico do monumento.

(16.7.2016)