Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana lamenta a falta de interese da Xunta por protexer a Rede Natura 2000

A Plataforma presenta unha queixa e únese á denuncia doutros colectivos como a Sociedade Galega de Historia Natural instando ao Goberno galego a cumplir o decreto 37/2014, polo que se declaran Zonas Especiais de Conservación os Lugares de Importancia Comunitaria e apróbase o Plan Director da Rede Natura 2000 en Galicia.

Praia de Balarés (Ponteceso, A Coruña)

En concreto, solicita que non se autoricen actos multitudinarios nas zonas protexidas e que se busquen emprazamentos alternativos, de maneira específica no festival "V de Valarés", autorizado en 2015 pola Consellería de Medio Ambiente cando o Decreto 37/2014 xa estaba en vigor, e que de novo este ano, do 12 ao 14 de agosto, pretende desenvolverse nun espazo de máxima protección da área litoral de toda a costa galega, na Praia de Balarés (Ponteceso, A Coruña) afectando á Zona Especial de Conservación (ZEC) Costa da Morte ES1110005 e a Zona de Especial Protección para a Aves (ZEPA) ES0000176 Costa da Morte (Norte).

O lugar está comprendido dentro da Zona 1 ou "Área de Protección", que tal como define o Decreto 37/2014, "estrutúrase sobre territorios con valor de conservación moi alto", constituídos por unha porción significativa de hábitats prioritarios ou hábitats de interese comunitario con respecto ás directivas europeas 92/43/CEE e 2009/147/CE.

Segundo os datos oficiais da Rede Natura na ZEC Costa da Morte ES1110005 atópanse ata 23 hábitats de interese prioritario e a presenza de especies moi destacadas a nivel de fauna e flora como a Omphalodes littoralis, que é endémica da costa galega, está presente no "Catálogo Galego de especies ameazadas" e en perigo de extinción no "Libro Vermello da flora vascular ameazada de España".

Doutra banda, a ZEPA Costa da Morte (Norte) ES0000176 destaca a nivel da Península Ibérica pola súa espectacular biodiversidade a nivel de avifauna, coa presenza de especies como o pilro tridáctilo (Calidris alba), o virapedras (Arenaria interpres) ou o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), o falcón peregrino (Falco peregrinus) ou a curuxa das xunqueiras (Asio flammeus).

ATOPAR ESPAZOS ALTERNATIVOS

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia debe actuar dacordo á lexislación non pode nin debe autorizar actividades con presenza masiva de público en zonas sensibles da Rede Natura 2000 en Galicia, pois a finalidade da Rede Natura 2000, principal instrumento para a conservación da natureza na UE, é asegurar a longo prazo a supervivencia das especies e os tipos de hábitats en Europa, contribuíndo así a deter a perda de biodiversidade.

(19.7.2016)