Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana critica o uso electoralista do Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate

A Plataforma lamenta a utilización interesada que o alcalde José Muiño e o PP están a facer do enclave, que esta fin de semana acolle unha entrega de premios aos participantes no concurso "Autovía Costa da Morte. Camiño de futuro", facendo gala dun partidismo que desvirtúa unha vez máis o carácter arqueolóxico do monumento".

Centro arqueolóxico do Dolmen de Dombate

Como si se tratase dunha segunda inauguración "en diferido" da Autovía da Costa da Morte, este acto de carácter puramente preelectoral estará presidido pola Conselleira de Infraestruturas Ethel Vázquez e por un representante das compañías que executaron as obras -ademais do alcalde de Cabana-.

OS DEPUTADOS PROVINCIAIS DE PATRIMONIO E CULTURA DEBERÍAN ASUMIR AS SÚAS RESPONSABILIDADES

Como responsables últimos do feito, pois deles depende a autorización final para a realización de eventos, os deputados de Patrimonio e Cultura, Xesús Soto e Xosé Regueira, ambos os pertencentes ao grupo provincial do BNG, deberían asumir as súas responsabilidades e presentar a súa dimisión por permitir que o Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate se convirta nun salón de actos a favor dos intereses electorais do Partido Popular.

Resulta intolerable que desde principios deste ano, cando Xesús Soto renovou o convenio de colaboración co Concello de Cabana tras anunciar en público xustamente o contrario, unha e outra vez se permita o uso torticero da instalación para calquera tipo de actividade imaxinable, o que afasta o monumento do seu verdadeiro contexto que non é outro que o arqueolóxico.

Como reiteradamente vén solicitando Salvemos Cabana desde o 2014, no Dolmen de Dombate faise necesaria unha xestión profesional  e especializada na que a favor do ben arqueolóxico e desde as directrices da Dirección Xeral de Patrimonio se establezan de maneira taxativa limitacións de uso e unha serie de condicionantes para a correcta interpretación e salvagarda do monumento, algo que nas actuais circunstancias parece lonxe de conseguirse.

(208.2016)