Saltar ao contido principal

O Dolmen de Dombate volveu exceder o número razoable de visitantes dende principios do verán

Tan só nos meses de xullo e agosto superáronse as cifras do pasado ano coa asistencia de 11.349 persoas ás que hai que sumar as participantes en distintas actividades de carácter non arqueolóxico que tamén acudiron ao recinto, o que pon novamente en cuestión a idoneidade do convenio de colaboración que a Deputación da Coruña mantén co Concello de Cabana de Bergantiños.

Dolmen de Dombate

Ante esta situación hai que plantexar si o interese do Concello de Cabana é utilizar o monumento como mero reclamo turístico nunha zona carente de infraestruturas para tal fin ou favorecer a conservación deste Ben de Interese Cultural, algo que resulta imcompatible coa política de masificación desenvolvida ata o de agora.

Resulta lamentable que dende a Deputación se fale abertamente de " protocolos" de "conservación preventiva" e de "limitación de acceso" pero que na clásula 2.3.8. do citado convenio chegue a recoñecerse que un dos seus obxectivos é "que o maior número de xente posible" poida achegarse ao monumento, o que é unha contradición co obxectivo de preservar as pinturas de época neolítica que atesoura o megalito, con visibles problemas debido ás malas condicións de conservación derivadas da falta de control sobre a humidade do recinto e a contínua afluencia de visitas.

Doutra banda, a clásula sexta fai referencia a que as actividades que se desenvolvan no centro arqueolóxico "deberán ser compatibles coa finalidade e adecuado uso deste ben cultural", algo que tampouco se está cumprindo, pois en datas recentes o alcalde José Muiño realizou novamente un uso interesado do enclave xunto coa Conselleira de Infraestruturas Ethel Vázquez ao organizar unha entrega de premios dun concurso sobre a Autovía da Costa da Morte sen mediar comunicación algunha coa Deputación Provincial, facendo gala dun partidismo impropio que ademais desvirtúa o carácter prehistórico do monumento.

CONSERVAR O PATRIMONIO É INCOMPATIBLE CON MASIFICALO

O concepto de conservación preventiva engloba non só os labores de restauración, senón totas as actuacións levadas a cabo sobre o contexto ambiental que sirvan para retardar os procesos de deterioración que poden sufrir os monumentos.

Nesta situación, é un completo sinsentido que dende a Deputación da Coruña se chegase a contratar a tres bolseiras para controlar o estado das pinturas do Dolmen de Dombate baixo a supervisión de Fernando Carreira, da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, cando de maneira simultánea está a fomentarse a masificación sen control do recinto con todo tipo de actividades que parecen sacadas dun folleto de promoción turística, pero que para nada gardan relación co contexto arqueolóxico do dolmen.

(9.9.2016)