Saltar ao contido principal

O premio á "construción sostible", unha cortina de fume para a situación actual do Dolmen de Dombate

Tras a polémica xurdida en datas recentes pola utilización partidista do monumento por parte de José Muiño, alcalde de Cabana, ao realizar un acto de entrega de premios coa presenza dun alto cargo do Partido Popular sen informar previamente á Deputación da Coruña, de maneira repentina e dous días antes da convocatoria electoral galega anúnciase a entrega dun galardón para o Dolmen de Dombate aoutorgado polo Clúster da Madeira e o Deseño pola "aposta polo desenvolvemento sustentable e a utilización de materiais naturais" logo da musealización realizada cando numerosos expertos manifestaron que o edificio non cumple de maneira idónea a función para a que se deseñou.

Problemas de humidade no Dolmen de Dombate derivados da mala climatización da cuberta

Especialistas coma o profesor da Universidade de Barcelona Joan Santacana reflexionaron acerca da actual situación do enclave de referencia do Neolítico galego, pois durante unha visita ao monumento afirma que o que chama a atención "poderosamente" é que o corte estatigráfico está, literalmente, "pintado de verde" porque "foi atacado polos fungos e a humidade", o que tamén é moi prexudicial para as pinturas que atesoura o monumento.

Por iso, "manter en bo estado un corte estratigráfico obrigaba a desviar as filtracións de humidades e augas, cortando todos os procesos de capilaridade que puidesen afectar o subsolo do monumento" pois "pola contra, todos sabiamos que a terra é un gran organismo vivo, que inmediatamente estaría atacado polos fungos e destruiríase" -afirma Santacana-. Este era, en definitiva, outro dos motivos "polos cales era necesario construírlle unha caixa climatizada e controlada térmicamente".
 
Santacana pregúntase "por que lle construíron este custoso andamio se non ían protexer as pinturas?" e "de que serve todo iso si se vai a enmohecer todo o túmulo?", considerando finalmente que o actual recinto que acolle o dolmen é como "unha enorme estrutura que non ten moito sentido se nos atemos á conservación".

PREMIAR O QUE?

Neste contexto, cun edificio que non está a cumprir a función para o que foi deseñado, coa constante masificación do recinto nun plan de actividades municipal autorizado pola Deputación da Coruña que non ten nin pés nin cabeza e coa utilización interesada do monumento, que se converteu en improvisado salón de actos para calquera tipo de actividade imaxinable, non hai nada que premiar, máis cando o acto, baixo a escusa de ser o "Día Mundial da Construción Sostible", realizarase tan só 48 horas antes das eleccións autonómicas.

Fronte á situación que se vive no Centro Arqueolóxico desde o 2016 , a Plataforma Salvemos Cabana seguirá apostando por unha xestión profesional e especializada na que a favor do ben arqueolóxico e baixo as directrices da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural establézanse limitacións de uso e unha serie de condicionantes para a correcta interpretación e salvagarda do monumento, algo que nas actuais circunstancias parece lonxe de conseguirse pois Dombate pareceu converterse, por desgraza, nun catavento utilizable á maior conveniencia do poder de quenda.

(17.9.2016)