Saltar ao contido principal

Gas Natural Fenosa só adicou tres días a estudar sobre o terreo as poboacións de aves e morcegos na zona afectada polo proxecto eólico Mouriños

O biólogo contratado pola empresa recoñece na documentación presentada, que se atopa en fase de información pública ata o próximo 4 de agosto, que só desenvolveu o traballo de campo durante os días 16, 17 e 18 de setembro chegando a destacar "as limitacións das mostraxes ao realizarse estas durante o período postreproductivo o cal dificulta a detección de moitas especies reprodutoras residentes e da maioría de especies reprodutoras estivais".

A Serra do Gontón é o lugar onde Gas Natural Fenosa pretende desenvolver o proxecto eólico Mouriños

Esta situación, totalmente deficitaria a nivel de investigación da biodiversidade presente na Serra do Gontón, contrasta cos obxectivos do estudo entregado pola filial da enerxética de "prospectar totalmente o polígono de investigación e así avaliar o estado dos hábitats e as especies de aves presentes así como para a realización dos censos" e de "establecer a importancia das posibles poboacións locais de quirópteros asentados nas inmediacións da área de afección do parque eólico e avaliar os posibles impactos, tanto directos como indirectos, que se puidesen xerar sobre as mesmas".

De feito, tanto a Asociación Española para a Conservación e o Estudo dos Morcegos (SECEMU), entidade domiciliada no Departamento de Ciencias da Vida da Facultade de Bioloxía da Universidade de Alcalá de Henares como as principais sociedades ornitolóxicas internacionais, recomendan polo menos un ciclo anual completo de estudo na fase previa antes de proceder á tramitación de calquera tipo de proxecto eólico.

AVES E MORCEGOS, PRINCIPAIS PREXUDICADOS DE CALQUERA PROXECTO EÓLICO

En calquera desenvolvemento de enerxía eólica que implique a instalación de aeroxeradores, as aves e os morcegos son os que levan a peor parte, pois poden chocar con distintas partes do aeroxerador ou con infraestruturas complementarias, como cables eléctricos e diversos tipos de mastros con sensores.
Segundo sinala a Unión Europea nun dos seus principais informes sobre enerxía eólica "o risco pode ser especialmente grave para as especies que son lonxevas, que teñen unha baixa taxa de reprodución, que son escasas ou que xa se atopan nun estado de conservación vulnerable", como no caso de dous tipos de morcegos en status "case ameazado" detectados na Serra do Gontón, o morcego grande de ferradura (Rhinolophus ferrumequinum), cuxa presenza recoñece o estudo achegado pola empresa promotora, e o morcego pequeno de ferradura (Rhinolophus hipposideros), que tamén aparece incluído na zona polo "Atlas de Morcegos de Galicia".

Ademais, está o risco de perturbación das especies pola propia actividade deste tipo de proxectos industriais por mor das actividades de preparación das infraestruturas, o impacto visual, os altos niveis de ruído e as vibracións, que segundo os especialistas da UE "poden provocar desprazamento e exclusión e, por tanto, perda do uso dos hábitats".

Tamén se atopa o risco do "efecto barreira", que pode obrigar ás aves a cambiar de dirección, tanto durante as migracións como a escala máis local durante as súas actividades regulares de alimentación.
Doutra banda, os morcegos afrontan o denominado "barotrauma", provocado pola rápida redución da presión atmosférica preto das aspas en movemento. Neste caso, ao tratarse de especies como as antes indicadas, cunha baixa taxa de reprodución anual e unha esperanza de vida alta, os expertos sinalan que poden ser vulnerables mesmo a unha pequena mortalidade adicional.

NAS ACTUAIS CONDICIÓNS, O PROXECTO EÓLICO MOURIÑOS NON DEBERÍA SAÍR ADIANTE

Por estes e outros factores, e facendo unha valoración final da documentación achegada pola empresa e as moitas fisuras do proxecto, a Xunta de Galicia debería consideralo como ambientalmente inviable, tal e como consta no documento de alegacións que a asociación presentará en prazo ao Expediente IN661A 2011/10-1, que se atopa en información pública ata o próximo 4 de agosto, e que pode ser consultado nas xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio no edificio administrativo da Xunta de Galicia (c/ Vicente Ferrer, 2, A Coruña) e nos Concellos de Cabana de Bergantiños e Zas.

(23.7.2017)