Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana presenta alegacións ao proxecto eólico Mouriños en defensa da saúde, a paisaxe, a biodiversidade e o futuro da Costa da Morte

A asociación entrega un documento cunha ampla lista de obxeccións ao plan de Gas Natural Fenosa na Serra do Gontón e pon a disposición de todas aquelas persoas interesadas un escrito simplificado de carácter xeral que pode descargarse de internet en ir.gl/alega e entregarse en calquera rexistro oficial ata o final da fase de información pública o vindeiro venres 17 de agosto.

Zona de acceso ao Pico da Fernandiña, na Serra do Gontón

Doutra banda, ante a aparente inacción da Dirección Xeral de Saúde Pública, Salvemos Cabana solicitará en setembro que se inste á Consellería de Sanidade a realizar un estudo independente e detallado de afeccións dos parques eólicos galegos sobre a saúde da poboación, dado o crecente número de estudos científicos internacionais non financiados pola industria que están a alertar de efectos perniciosos en persoas que viven demasiado preto dos aeroxeradores dos proxectos eólicos.

INVESTIGACIÓNS CIENTÍFICAS REALIZADAS NA ÚLTIMA DÉCADA ADVIRTEN DOS RISCOS DE VIVIR PRETO DUN PARQUE EÓLICO

De feito, este punto é un dos piares fundamentais do escrito de alegacións presentado pola asociación, pois nos últimos anos confirmouse que o ruído e as vibracións procedentes dos aeroxeradores podería estar detrás dun aumento dos problemas de saúde en zonas habitadas situadas nas inmediacións de parques eólicos.

Neste sentido, a Dra. Nina Piermont, membro titular da Sociedade Americana de Pediatría e recoñecida investigadora neste ámbito, leva estudando desde fai máis dunha década a sintomatoloxía de persoas que viven preto de parques eólicos en países como Estados Unidos, Reino Unido, Irlanda, Italia e Canadá e rematou por describir unha afección provocada pola interrupción ou estimulación anormal do sistema vestibular do oído interno derivada da exposición ao ruído provocado polas turbinas eólicas que denominou "Síndrome do aeroxerador", que pode provocar alteracións nos ciclos de soño de nenos e adultos, pero tamén orixinar outro tipo de síntomas como pulsación interna, taquicardias ou estados de nerviosismo que terminan por afectar seriamente á calidade de vida das persoas sensibles a este efecto.

Na mesma liña, Nissembaum et Al. (2011), confirmaron nun estudo científico feito en condicións controladas sobre os efectos dos aeroxeradores no sono e a saúde, que aquelas persoas que viven a menos de 1,4 km. dunha turbina eólica pode sufrir alternaciones de sono "o suficientemente graves para que isto afecte á súa vida cotiá e saúde mental", o que pode supoñer un dano significativo a nivel persoal e familiar.

Outros autores especializados como Krogh et Al. (2014), certificaron que "as turbinas eólicas industriais poden danar a saúde humana se están situadas demasiado cerca dos residentes" e que moitos médicos de familia canadenses constataron que "as persoas que viven ou traballan na proximidade ás turbinas eólicas industriais experimentaron síntomas que inclúen diminución da calidade de vida, molestias, stress, transtornos de soño, dor de cabeza, ansiedade, depresión e disfunción cognitiva" debido á interacción de varios factores derivados da instalación de parques eólicos.

Ante esta situación, e tendo en conta a planificación do proxecto eólico Mouriños, no que a distancia lineal ás vivendas máis próximas é escasamente dun quilómetro nalgúns casos, isto por si só debería ser motivo máis que suficiente para non autorizar a instalación dos aeroxeradores tendo en conta o Principio de Cautela ou Precaución.

PAISAXE, BIODIVERSIDADE E SUSTENTABILIDADE ECÓNÓMICA, TAMÉN EN RISCO

Doutra banda, a asociación tamén inclúe nas súas alegacións que, debido ao emprazamento onde pretende instalarse o proxecto eólico Mouriños, a instalación de aeroxeradores de grandes dimensións (151 metros de altura máxima) na Serra do Gontón, terá efectos negativos e perdurables non só para Cabana, senón para a propia imaxe da Comarca de Bergantiños e a Costa da Morte, dado que a incidencia visual do proxecto afecta de cheo ao corazón do Estuario do Anllóns, prexudicando gravemente a actividade turística sustentable, que nos últimos anos experimentou un notable desenvolvemento e está a ser unha fonte de xeración de emprego pola aparición de intraestructuras como casas de turismo rural, pequenos hoteis e mesmo outro tipo de negocios relacionados co sector servizos.

A nivel de biodiversidade, ademais, o proxecto afecta a hábitats de conservación prioritaria da Unión Europea (asociacións de Cirsio filipenduli-erricetum ciliaris, Erica ciliaris e Erica vagans) e tamén de interese comunitario (4030 Brezais secos europeos -directamente impactado polas instalacións proxectadas- e 4020 Brezais húmidos atlánticos), sen ser valorado en ningún caso as afeccións do proxecto sobre as zonas previstas para a ampliación da Rede Natura 2000 en Galicia.

Como os propios informes da UE confirman ao respecto, é sabido que a instalación de aeroxeradores e as súas infraestruturas asociadas afectan de maneira significativa ás especies, en especial a aves e morcegos, provocando elevados niveis de mortaldade polo impacto cos aeroxeradores e tamén polos cambios inducidos na presión atmosférica producidos polo xiro das aspas, tecnicamente denominado "barotrauma".

Por iso, pretender instalar un proxecto destas características nunha zona de corredor migratorio e nas inmediacións da ZEC-ZEPA Costa da Morte e a carón dunha Important Bird Area (IBA) é un completo sinsentido, máis cando non se avaliou en profundidade nin os niveis de biodiversidade preexistentes nin as posibles consecuencias sobre hábitats e especies afectados.

ALEGACIÓNS A DISPOSICIÓN DO PÚBLICO INTERESADO

Finalmente, e para que todas aquelas persoas interesadas poidan mostrar o seu rexeitamento ao proxecto, a asociación preparou, aparte da súa propio escrito de obxeccións a nivel máis técnico, unhas alegacións xenéricas que poden descargarse en ir.gl/alega e entregarse en calquera rexistro oficial ata o proximo venres 17 de agosto, data en que remata o período de información pública.

 (30.7.2017)