Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana valora negativamente o impacto do proxecto eólico Mouriños sobre o patrimonio arqueolóxico da Serra do Gontón

Segundo a documentación que a Xunta puxo a disposición do público durante a fase de alegacións, o plan proposto inclúe dentro da súa poligonal, entre outros, dous elementos do patrimonio arqueolóxico catalogados, o denominado "Castelo de Borneiro" (código GA15014003), próximo ao aeroxenerador M3 e a "Mámoa do Pico de Sinde" (código GA15014046), anexa ao aeroxenerador M1 e situada nunha área de especial risco arqueolóxico debido á súa proximidade coas infraestruturas previstas na planificación.

Área arqueolóxica do Pico de Sinde

Ademais, no texto sometido a consultas o preceptivo estudo de impacto arqueolóxico figura como "pendente". A asociación considera, neste sentido, que este debería ser un requisito previo ao comezo do procedemento de tramitación pois de non ser así, non resulta posible unha valoración de posibles efectos na fase de exposición pública.

Doutra banda banda, na sección dedicada ao "control e seguimento arqueolóxico" afírmase textualmente que o técnico encargado do control especializado neste terreo farase cargo "de calquera eventualidade de índole arqueolóxica que poida xurdir durante o desenvolvemento das obras" pero "evitando, na medida do posible, a paralización ou demora dos traballos". Así mesmo sinálase que "o contratista deberá colaborar co arqueólogo no correcto seguimento arqueolóxico da fase de obras, comunicando a este as posibles incidencias que poidan supoñer unha alteración para que este poida valorar se existe algún elemento de patrimonio a protexer (...) ou pola contra a obra debe proseguir".

Destas afirmacións, valorando a redacción do texto, despréndese que é o técnico contratado pola empresa quen decide o destino de calquera achado arqueolóxico pero sempre que sexa posible evitando a paralización ou demora das obras.

A asociación considera, e así o fixo constar no seu escrito de alegacións, que este feito outorga, de facto, unha capacidade decisoria sobre o patrimonio cultural galego que ao seu xuízo non estaría xustificada sen a presenza dun representante público que poida controlar como levan a cabo os labores propostos, algo que a priori non se contempla na documentación que a Xunta fixo pública durante o período de exposición, ao aparecer a empresa promotora como entidade responsable da xestión do tema arqueolóxico a través do seu propio equipo técnico.

O AUMENTO DE ACCESIBILIDADE Á ZONA AUMENTA O RISCO DE INTERVENCIÓNS NON AUTORIZADAS

Finalmente, debido á importancia dos xacementos, GA15014003 (pertencente á Idade do Ferro con posterior ocupación medieval) e GA15014046 (Neolítico), aínda tendo en conta o correspondente balizado, o suposto control dos movementos de terras e mesmo a hipotética inspección dos perfís das gabias abertas para as liñas de interconexión subterráneas, hai un inevitable impacto derivado do establecemento das vías de acceso unha vez finalizadas, que é o incremento de accesibilidade para o común do público e o consecuente tránsito de vehículos a motor, algo que no caso da Mámoa do Pico de Sinde é especialmente preocupante.

Para a asociación os efectos desta accesibilidade, quizais non contemplados en toda a súa amplitude pola promotora, son os que determinan o risco de que ambos os xacementos poidan sufrir episodios non autorizados de procura, espolio ou alteración do patrimonio cultural sen o coñecemento nin o permiso das autoridades competentes, non garantíndose así a conservación dos xacementos, polo que o efecto indicado como "non significativo" pola empresa en canto á posibilidade de afeccións de carácter arqueolóxico derivadas do proxecto eólico poderían transformarse en xustamente o contrario pola falta de vixilancia do complexo unha vez instalado.

O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE ALEGACIÓNS AO PROXECTO EÓLICO MOURIÑOS AMPLÍASE ATA O XOVES 17 DE AGOSTO

Finalmente, e debido a un cambio na lexislación vixente, a Xunta de Galicia ampliou o prazo de presentación de alegacións ata o 17 de agosto. Para ese efecto, e á parte das súas propias alegacións técnicas, a Asociación Salvemos Cabana dispuxo un escrito xenérico para todas aquelas persoas interesadas que pode descargarse en ir.gl/alega e entregarse en calquera rexistro público.

(6.8.2017)