Saltar ao contido principal

Un novo proxecto industrial pon en perigo a unha das xoias naturais da Costa da Morte

Salvemos Cabana presentará alegacións ao plan do parque eólico "Mouriños", no que Renovables Aragón S.L.U., filial de Gas Natural Fenosa, pretende instalar na Serra do Gontón, moi preto da liña costeira de Cabana de Bergantiños, unha rede de catro superxeneradores eólicos que alcanzan unha altura tope de 151 metros (equivalente a un rañaceos de 40 plantas) nas inmediacións da Rede Natura, afectando de maneira irreparable á magnífica paisaxe do esteiro fluvial do río Anllóns e hipotecando sen remedio o futuro desenvolvmento turístico sustentable da área.

Vista do esteiro do río Anllóns dende a localización do aeroxenerador nº1

O proxecto, que ademais afecta os intereses de 234 propietarios, supoñerá de facto a destrución dunha das últimas serras virxes da Costa da Morte, pois a propia empresa prevee na documentación presentada que se encontra en información pública a ocupación de ata 102.000 m² para a instalación de plataformas, xeradores, viarios e outros usos.

O tramo superior da Serra do Gontón, característico pola súa espectacular paisaxe e biodiversidade, constitúe un dos últimos paraísos naturais que quedan intactos na Costa da Morte e atesoura, no denominado "Pico de Sinde", un dos miradoiros máis espectaculares de todo o noroeste da Península Ibérica.

Doutra banda, a área afectada atópase moi próxima ao estuario do río Anllóns, á Zona de Especial Conservación (ZEC) Costa da Morte, á Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) Costa da Morte Norte e a tan só 850 metros da Important Bird Area (IBA) Costa da Morte, atesourando ademais unha importante biodiversidade, pois hai que lembrar que nesta costeira chegáronse a rexistrar a presenza de máis de 300 tipos distintos de aves.

UNHA HIPOTECA PERMANENTE PARA O FUTURO DA COMARCA

A instalación dun parque eólico de semellantes características é claramente incompatible co futuro desta parte da Costa da Morte, actualmente centrado en desenvolvemento dun turismo de calidade coa paisaxe como principal valor engadido.

Neste sentido, o proxecto prevee a instalación de catro superxeneradores eólicos de dimensións absolutamente colosais (151 metros de altura máxima), o que case chega a triplicar a altura da Torre de Hércules na Coruña (57 metros) ou a superar en 30 metros á propia Torre Hercón na cidade herculina, que con 119 metros é o edificio máis alto de Galicia.
Comparativa de alturas dun dos aeroxeneradores proxectados coa Torre de Hércules de A Coruña
O desenvolvemento deste proxecto supón ademais a activación do plan eólico proxectado na localidade de Laxe ao compartir infraestrutura eléctrica con futuros proxectos, e que este recuncho da Costa da Morte ata agora intacto perda a súa singularidade e atractivo.

IMPRESCINDIBLE A PRESENTACIÓN DE ALEGACIÓNS

Por todo iso, a asociación só contempla a denominada "Opción Cero" ou de non realización, e a tal fin presentará alegacións ao Estudo de Impacto Ambiental (EIA) que se atopa en información pública ata o próximo 4 de agosto, e que pode ser consultado nas xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio no edificio administrativo da Xunta de Galicia (c/ Vicente Ferrer, 2, A Coruña) e nos Concellos de Cabana de Bergantiños e Zas.

(13.7.2017)