Saltar ao contido principal

O Concello de Cabana convirte o recinto arqueolóxico do Dolmen de Dombate nunha festa de exaltación do berberecho

O Dolmen de Dombate, utilizado unha vez máis fóra do seu contexto arqueolóxico

Salvemos Cabana solicita á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia que interveña para frear a cadea de despropósitos que dende a Deputación da Coruña véñense autorizando ao consistorio cabanés logo da firma do convenio de colaboración co ente provincial, e que na práctica converteu ao centro arqueolóxico nunha auténtica caseta de feira na que a miúdo se realizan todo tipo de actividades que en absoluto gardan relación co contexto prehistórico do monumento.

Nesta ocasión foi unha actividade denominada “Saberes e Sabores”, un evento de degustación de berberecho con distintas preparacións que converteu o pasado xoves o centro arqueolóxico nun improvisado bar de tapas, confirmando unha vez máis cal é a liña marcada por José Muiño (PP) e o seu asesor de Cultura, José Mª Varela no referente ao Dolmen de Dombate, rematando por reducir ao absurdo o que debería ser monumento de referencia do megalitismo galego co beneplácito do deputado provincial da área de Contratación, Patrimonio e Equipamentos Xesús Soto (BNG).

UNHA SITUACIÓN ADVERTIDA DENDE HAI TEMPO

É necesario lembrar que o pasado 6 de xullo de 2016, todos os grupos parlamentarios a excepción do Partido Popular apoiaron unha Proposición Non de Lei presentada naquel momento por Alternativa Galega de Esquerda (AGE) para que o Parlamento autonómico instase á Xunta de Galicia a asumir a titularidade do monumento.

O deputado Xabier Ron denunciou naquel entón que o obxectivo da Administración da Xunta é “velar pola integridade do patrimonio cultural galego” e apostou durante a súa intervención por unha titularidade e xestión no Dolmen de Dombate plenamente públicas e orientadas á súa preservación ante a evidencia de que os convenios que actualmente mantén a Deputación Provincial da Coruña co Concello de Cabana de Bergantiños “non son os máis apropiados” e que “todo apunta a que o Concello de Cabana non xestionou ben o centro e da forma máis respectuosa co patrimonio cultural”.

DESAPARICIÓN DO CONVENIO NA WEB DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Doutra banda, a Plataforma reclamará por todas as vías pertinentes a publicación na web do actual convenio de colaboración entre o organismo provincial e o Concello de Cabana de Bergantiños xa que este 2016, a diferenza de anos anteriores, retirouse da páxina da Deputación da Coruña nun exercicio de dubidosa transparencia por parte da institución que impide coñecer á cidadanía como e baixo que condicións outorgáronse os 60.000 euros de subvención ao municipio para a xestión cultural do monumento.

(11.12.2017)