Asociacións de Bergantiños litigarán coa Xunta de Galicia pola aprobación do proxecto eólico Pena Forcada-Catasol II
![]() |
A poboación afectada descoñece cales son as razóns "de especial interese" e os supostos beneficios do mesmo que escrime a Xunta de Galicia para defender o proxecto |
Á espera de que Bruxelas resolva sobre a fragmentación en varios expedientes administrativos do que de facto supón un único proxecto industrial no que se integraría o parque eólico Mouriños e a falta de avaliación doutras alternativas, as asociacións ambientais Petón do Lobo, Salvemos Cabana, Cova Crea e Ouriol do Anllóns ultiman o recurso de alzada contra a Resolución do 22 de decembro de 2017 e o recurso potestativo de reposición contra o Decreto do 21 de decembro, polo que se declara o parque eólico Pena Forcada-Catasol II como proxecto de especial interés, á espera de esgotar a vía administrativa e afrontar a vía xudicial contencioso-administrativa.
A Xunta de Galicia autorizou o proxecto Pena Forcada-Catasol II na localidade de Laxe como de especial interese sen que os afectados coñezan as razóns que esgrime a Consellería de Industria sobre a especial incidencia do proxecto e os supostos beneficios do mesmo no que supón unha tramitación administrativa confusa, dispersa e caótica que vulnera os dereitos básicos máis elementais da cidadanía e cuxa tramitación pensa exclusivamente no beneficio empresarial.
A declaración de especial interese dos proxectos eólicos declárase polo Consello da Xunta despois de que a Consellería de Economía, Emprego e Industria presentase unha memoria que presuntamente fai referencia á especial incidencia e beneficios no ámbito industrial, social e territorial, entre outros, así como unha declaración responsable de que o proxecto se desenvolverá no marco das poxas indicadas, debendo determinar o prazo previsto para a súa execución, ao amparo da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (Disposición adicional primeira. Proxectos declarados de especial interese).
Para realizar esta solicitude, a promotora do proxecto ten que presentar previamente, tanto para a instalación de produción de enerxía como para as infraestruturas de evacuación asociadas, a solicitude de autorización de construción así como, se é preciso, a solicitude de declaración de utilidade pública e a de aprobación do proxecto sectorial.
A cuestión estriba no momento procedimental no que a Xunta debería realizar a declaración de especial interese, pois esta declaración tería que facerse nun momento temperán da tramitación do procedemento administrativo que permita coñecer á cidadanía, e en particular ás persoas afectadas, os motivos polos que o expediente se vai a tramitar segundo as regras do xogo marcadas pola Lei 5/2017, e non segundo o procedemento habitual.
Así, tal e como se realizou, a cidadanía non tivo a oportunidade de analizar os argumentos achegados polo órgano substantivo (Consellería de Economía, Emprego e Industria) sobre a incidencia do proxecto no territorio nin os seus supostos beneficios no ámbito industrial, social e territorial, entre outros, polo que non se puido rebater esta argumentación ao non existir información e, polo tanto, a garantía de igualdade e contradición dos interesados no procedemento administrativo.
De feito é tal o escurantismo da tramitación administrativa efectuada pola Xunta que nin sequera se permitiu o acceso aos informes de impacto dos proxectos sobre o turismo a pesar de ser solicitados por varias entidades, sendo subtraídos tamén do trámite de información pública.
A cuestión non é baladí posto que a declaración de especial interese dun proxecto terá como efecto inmediato a tramitación de forma prioritaria e con carácter de urxencia e a redución á metade dos prazos necesarios na instrución do procedemento da autorización administrativa previa e/ou de construción, así como dos prazos na instrución do procedemento de avaliación ambiental que sexa necesario.
No caso do proxecto eólico Pena Forcada-Catasol II, ademáis, a declaración realizouse ao finalizar o correspondente procedemento administrativo, polo que as persoas afectadas están totalmente indefensas ao descoñecer cales son os fundamentos da súa aprobación e ser subtraídas do procedemento de información pública e as memorias da Consellería que argumentou a especial incidencia e beneficios dos dous proxectos (o eólico e o da súa liña de evacuación eléctrica) no ámbito industrial, social e territorial.
(19.1.2018)