Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana prepara o recurso contra a eventual aprobación da DIA do proxecto eólico Mouriños

Zona afectada polo proxecto eólico Mouriños

A asociación, entre cuxos obxectivos fundacionais está a defensa ambiental, recorrerá o ditame da Consellería de Medio Ambiente como fase previa á xurisdición contencioso-administrativa. Así mesmo lembra que a instancias da entidade dende o pasado 6 de setembro hai unha pregunta presentada e aínda non resolta no Parlamento Europeo, que alerta de que a tramitación fragmentada dos expedientes non é unha opción válida dende o punto de vista comunitario.

Na cuestión presentada polo Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde indícase de que en xuño de 2017, a Xunta de Galicia aprobou o estudo de impacto ambiental do proxecto eólico Pena Forcada-Catasol II a poucos quilómetros de onde pretende instalarse o proxecto eólico Mouriños.

Tal como insiste o texto, con esta tramitación fragmentada do Estudo de Impacto Ambiental (EIA) de dous proxectos eólicos próximos e adxacentes pertencentes á mesma empresa (Gas Natural Fenosa) “non se están a avaliar os efectos reais sobre o medio natural” nin “tampouco tomando en consideración os efectos e o impacto conxunto destas instalacións tan próximas nun dos poucos tramos costeiros de Galicia nos que ata o de agora non existían parques eólicos”.

Ademais, no caso do proxecto Mouriños o estudo de impacto ambiental “non avalía suficientemente” o impacto do proxecto en hábitats prioritarios de conservación e a Unión Europea segundo a Directiva 92/43/CEE, pois “a promotora, que dedicou só tres días ao traballo de campo sobre o terreo, non estudou en profundidade o impacto do proxecto nas aves e os quirópteros, a pesar de que as infraestruturas están dentro da área de distribución potencial da Emberiza Schoeniclus L. subsp. lusitanica, un ave en perigo de extinción”.

Doutra banda banda, a asociación considera igualmente que esta iniciativa industrial non avalía en condicións os posibles efectos sinérxicos e acumulativos non só coas infraestruturas básicas previstas en cada un destes proxectos eólicos, senón coas liñas eléctricas de evacuación dos mesmos.

Sobre a imposibilidade de fragmentación de proxectos industriais véñense pronunciando desde hai anos diversos tribunais internacionais. De feito, a non autorización do fraccionamiento de proxectos confirmouse por sentenzas como a do 16 de setembro de 2004 do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (Asunto C-227/01), que condena a España por tramitar de maneira independente diferentes tramos dun proxecto de desdobramento dunha liña de ferrocarril, establecendo que o efecto útil da lexislación aplicable quedaría gravemente comprometido polo fraccionamiento do proxecto en distintos tramos.

Por esta razón, Salvemos Cabana considera que este feito invalida o proceso administrativo tal como está a ser realizado pola Xunta, que debería plantexarse dende cero integrando todos os proxectos presentados nun único expediente e valorando conxuntamente as afeccións tanto ambientais como sociais que do mesmo se deriven, razón pola que recorrerá a decisión da Consellería de Medio Ambiente en caso da eventual aprobación da Declaración de Impacto Ambiental do Proxecto.

(8.1.2018)