![]() |
A Lei 5/2017 está creada a favor do beneficio empresarial, non da poboación afectada por proxectos eólicos |
Salvemos Cabana considera -en contraste coas promesas vendidas desde o actual Goberno da Xunta e o seu Presidente- que a nova norma, aprobada pola vía do rodete parlamentario do PP, non contribuirá a fomentar un sector eólico máis eficiente e sustentable, senón unicamente a maximizar as contas de resultados das grandes corporacións do sector enerxético.
De feito, a Lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, abre un novo e negativo escenario ao simplificar de maneira notable a tramitación dos proxectos eólicos e reducir de maneira significativa os prazos de información pública, dificultando o debate social que sería pertinente sobre a súa conveniencia ou non para as comunidades.
Un bo exemplo son os proxectos eólicos proxectados na Costa da Morte, como o Pena Forcada-Catasol II, xa autorizado e en fase de recurso e o Mouriños, aínda en fase de tramitación e que hoxe foi declarado de especial interese xunto coa súa liña de evacuación eléctrica, o que terá como efecto a tramitación prioritaria e con carácter de urxencia e a redución á metade dos prazos necesarios na instrución do procedemento da autorización administrativa previa e de construción, así como dos prazos no proceso de tramitación ambiental e sectorial. En ambos os casos proxectos tremendamente lesivos a nivel ambiental e que contan cun maioritario rexeitamento social nas localidades afectadas de Laxe e Cabana de Bergantiños.
É importante lembrar que no texto da nova Lei figuran afirmacións contrapostas e sen sentido, pois ao mesmo tempo que se fala de “garantir” a “sustentabilidade ambiental” do sector eólico e protexer ao medio natural cun “escrupuloso respecto da Rede Natura”, a realidade é que dende a actual Administración autonómica están a autorizarse ás grandes eléctricas repotenciacións de parques eólicos situados dentro das zonas protexidas a nivel europeo sen maiores obxeccións.
A LEI DE FOMENTO EMPRESARIAL DO PP PODERÍA TER OS DÍAS CONTADOS POLO INCUMPRIMENTO DA DIRECTIVA EUROPEA 2014/52/UE
Por outra banda, a Lei de fomento empresarial podería non terse aprobado conforme ao ordenamento xurídico europeo ao non haber trasposto aínda o Goberno Español a Directiva 2014/52/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 16 de abril de 2014, pola que se modifica a Directiva 2011/92/UE, relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente.
O prazo para esta acción, que finalizaba o 16 de maio pasado, determina que a Unión Europea pode levar ao Estado español ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, e que a Lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais de Galicia, aprobada en outubro de 2017, estaría nun limbo xurídico que podería botala abaixo, pois o cambio de normativa europea tamén é de obrigado cumprimento para os gobernos rexionais.
(6.2.2018)