Saltar ao contido principal

Feijóo anima aos concellos a “embelecer” a paisaxe de Galicia mentres fomenta a súa alteración ao apoiar a instalación de proxectos eólicos nas zonas de maior valor ambiental

Espectacular paisaxe na área afectada polo proxecto eólico Mouriños
 
Asociacións da Costa da Morte lamentan o doble raseiro do Presidente da Xunta, que esta semana animou aos concellos a colaborar en proxectos turísticos que impulsen o “embelecemento de Galicia”, a súa paisaxe e o seu patrimonio.

Salvemos Cabana, Petón do Lobo, Cova Crea e Ouriol do Anllóns consideran que as afirmacións de Alberto Núñez Feijóo na entrega dos galardóns da primeira edición do premio “Galicia Parabens” son totalmente incongruentes coas accións que está a autorizar o seu Executivo non só na Comarca de Bergantiños, senón en moitos outros puntos do territorio galego.

Así, Feijóo afirmou este xoves que “a protección e o embelecemento de Galicia é unha tarefa colectiva, que transcende a unha ou outra administración e que convoca a todos os representantes públicos e a todos os cidadáns”, garantindo o compromiso da Xunta “para acompañalos nese camiño”.

Estas grandilocuentes afirmacións contrastan cos efectos que están a ter as súas políticas sobre a paisaxe galega, permitindo a instalación de proxectos eólicos nas zonas paisaxísticamente máis sensibles e de maior valor ambiental, e utilizando a vontade a Lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, que favorece os intereses das grandes eléctricas en proxectos coma o de Mouriños, en Cabana, e o Pena Forcada-Catasol II en Laxe.

Por iso, supón un acto de cinismo falar de que “Galicia está decidida a coidar a paisaxe e protexer o seu patrimonio” e falar de plans “que permitan un desenvolvemento sustentable e racional encamiñado a preservar a riqueza natural e paisaxística”, mentres o seu executivo segue a bloquear a activación das Directrices da Paisaxe -paralizadas desde decembro de 2016-, o que pode propiciar que os parques eólicos poidan esquivar os criterios de protección que este documento impoñerá ás empresas promotoras.

O DESENVOLVEMENTO EÓLICO É INCOMPATIBLE CO TURISMO DE CALIDADE EN ZONAS DE ALTO VALOR PAISAXÍSTICO 

O plan eólico que fomentou o PP en Galicia, defendido polo Presidente a Xunta e autorizado polo Conselleiro de Industria Francisco Conde entra en contradición coas afirmacións que tanto un como outro defenderon en comparecencias públicas e/ou sede parlamentaria, dado que os proxectos eólicos pretenden recalificar moitos dos lugares máis emblemáticos da paisaxe galega como solo industrial.

Dende esa perspectiva, imaxinar que o impacto de aeroxeradores que superan os 150 metros de altura en zonas de extraordinario valor natural como Laxe e Cabana pode ser “adaptado” con medidas correctoras e compensatorias de “integración” paisaxística é descoñecer a realidade e supón que o idilio “vendido” publicamente por Feijóo e o seu Executivo non o é tanto coa paisaxe galega e os seus habitantes, senón cos intereses empresariais das grandes eléctricas.

(24.2.2018)