Saltar ao contido principal

Asociacións da Costa da Morte piden a dimisión do alcalde de Cabana tras coñecer que está a ser investigado por un presunto delito contra o patrimonio

Restos do hórreo motivo da investigación (Imaxe: Asociación Petón do Lobo)
 
Petón do Lobo, Salvemos Cabana, Cova Crea e Ouriol do Anllóns consideran que o rexedor popular non pode seguir nin un minuto máis no seu posto logo do rexistro do Seprona no Concello de Cabana de Bergantiños este luns e a posterior declaración na tarde do mércores no cuartel da Garda Civil de Ponteceso por unha investigación xudicial por un suposto delito contra o patrimonio.

Segundo se publicou nos medios de comunicación, este luns, axentes do Servizo de Protección da Natureza e Patrimonio da Garda Civil realizaron un rexistro no Concello de Cabana do que terían analizado diversa documentación. Doutra banda, tal e como confirmou este xoves La Voz de Galicia e outros medios locales de Bergantiños, así como a axencia Europa Press, o titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº1 de Carballo abriu dilixencias contra José Muiño Domínguez e outras seis persoas entre as que se atopan o arquitecto municipal e a anterior secretaria do concello por unha serie de actuacións supostamente irregulares sucedidas durante a construción dunha praza na parroquia cabanesa de Canduas.

Os feitos veñen do 2015, cando o Concello de Cabana iniciou a construción dunha praza pública con aparcadoiro nun solar no que se atopaban dous hórreos centenarios, que son bens culturais protexidos pola lexislación autonómica e estatal.

Segundo advertiu a Asociación Petón do Lobo no seu momento, a Deputación da Coruña chegou a achegar máis de 54.000 euros para a adecuación da infraestrutura e a implantación do primeiro hórreo en finca, pero no caso do segundo, retirouse da súa zona de implantación orixinal e acabou fragmentado e amoreado na leira dun particular, que resultou ser o propietario do terreo sobre o que se edificou a nova praza. Este feito derivou na denuncia dun veciño á Dirección Xeral de Patrimonio e finalmente terminou xudicializada, sen prexuízo doutras presuntas irregularidades que puideran darse e que as que non se ten coñecemento público.

OS HÓRREOS HISTÓRICOS SON EN SI MESMOS A IMAXE DO PATRIMONIO DE GALICIA E A LEI GARÁNTELLES A MÁXIMA PROTECCIÓN POSIBLE

A Lei 5/2016, do Patrimonio Cultural de Galicia, sentenza no seu artigo 92 que os hórreos “son bens de interese cultural e quedan sometidos ao réxime xurídico previsto para este tipo de bens sen necesidade da tramitación previa do procedemento”. Por definición, os bens de interese cultural son unha figura xurídica de protección do patrimonio histórico-artístico tanto moble como inmoble.

O Decreto 449/1973 sinala, xa dende a década de 1970, que os hórreos prestan aos ambientes rurais “unha peculiar fisionomía” e constitúen “unha mostra características do tipismo e da arquitectura popular en Asturias e Galicia”.

(23.3.2018)